Cultura e Educación presenta unha nova iniciativa para a rede de dinamización lingüística impulsada en colaboración coa Deputación ourensá

O presidente da Rede de Dinamización Lingüística, Valentín García, presentou onte en Ourense a nova programación de actividades estivais, promovida pola consellería que dirixe Xesús Vázquez, en colaboración coa deputación

Os membros da Rede apostan conxuntamente por estender a dinamización do galego a todo o territorio, a través dos concellos e entidades que forman parte dela

O programa ‘Redecinema’ chegará a localidades da Rede a partir deste mes

  • Valentín García, presentou onte en Ourense a nova programación de actividades estivais
    Valentín García, presentou onte en Ourense a nova programación de actividades estivais
  • Valentín García, presentou onte en Ourense a nova programación de actividades estivais
    Valentín García, presentou onte en Ourense a nova programación de actividades estivais
  • Valentín García, presentou onte en Ourense a nova programación de actividades estivais
    Valentín García, presentou onte en Ourense a nova programación de actividades estivais
Listen to this page using ReadSpeaker

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en colaboración coa Deputación de Ourense vén de presentar un novo programa de actividades destinado aos concellos e entidades que forman parte da Rede de Dinamización Lingüística (RDL), o primeiro proxecto global de promoción da lingua impulsado polo Goberno galego, que xa conta con máis de 120 entidades que participan nel. O secretario xeral de Política Lingüística e presidente da RDL, Valentín García, anunciou mediante comparecencia de prensa as primeiras actividades de ‘Redecinema’, que botará a andar por diferentes localidades ourensás da man da Deputación provincial, en colaboración coa Consellería que dirixe Vázquez Abad, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Colaboración entre as diferentes adiministracións na promoción do galego
Durante a súa intervención, García Gómez incidiu na relevancia de “impulsar de maneira conxunta e coordinada estas primeiras accións promovidas desde as diferentes entidades que participan na Rede, de acordo cos obxectivos cos que naceu o proxecto”. En palabras do seu presidente “A Rede de Dinamización xa é o espazo común de máis de 120 entidades. Desde elas temos que traballar e cooperar para garantir que a lingua chegue e se reforce nos diferentes ámbitos, e que tamén sexa capaz de crear e consolidar espazos de uso, apoiada tanto nas iniciativas que se promovan no seu seo, coma na oferta que os concellos, as deputacións e outras entidades lle poidan ofrecer desde ela á súa cidadanía”. “Co apoio da Deputación de Ourense, faremos partícipes do novo programa da Rede, Redecinema, a concellos e entidades desta provincia”, dixo o presidente da RDL. Valentín García tamén fixo fincapé na importancia “do audiovisual en galego como sector estratéxico para a dinamización da lingua e tamén para a súa proxección internacional”, por iso “chegarán aos concellos da Rede as proxeccións do filme Vilamor, no marco do programa Redecinema”.

No acto, que tivo lugar no Centro Cultural Marcos Valcárcel, participaron, canda García Gómez, o presidente da Deputación ourensá, José Manuel Baltar; o director de Vía Láctea Filmes, Ignacio Vilar, e mais o actor protagonista do filme Vilamor, Rubén Riós.

Arrancan as proxeccións de Vilamor na RDL
Vilamor é un filme rodado en Galicia e en galego, que se estreou precisamente en Ourense o pasado 17 de maio. A pesar da súa curta andaina, xa colleitou o recoñecemento de dentro e de fóra de Galicia (Cannes, Nova York, Jakarta...). As proxeccións, que serán de balde e que estarán destinadas a todos os públicos, terán lugar ao aire libre durante os seráns do verán nos concellos da RDL.

A través de Redecinema, a RDL liderada pola Consellería que dirixe Vázquez Abad, apoia e promove a lingua propia de Galicia e, ao tempo, a industria cultural, nomeadamente a audiovisual.

Redecinema: promoción do audiovisual galego e en galego
Redecinema forma parte da planificación anual de actividades para o ano 2012, aprobada polo Consello de Membros da RDL o pasado mes de decembro. A Deputación de Ourense, no marco da súa participación na RDL, impulsa en colaboración coa Consellería de Cultura e Educación a súa posta en marcha dentro do seu ámbito territorial. Así, a Deputación e a Xunta de Galicia promoverán un conxunto de actuacións dirixidas a concellos e entidades pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística, na provincia de Ourense. Con Redecinema, chegarán a 10 concellos da provincia proxeccións do filme a partir do presente mes. O departamento dirixido por Xesús Vázquez tamén levará unha das proxeccións ao Festival das Artes Escénicas de Riós, o día 17 de agosto ás 22:30 horas.

Deste xeito, os obxectivos do novo programa entroncan cos recollidos no Plan xeral de normalización da lingua galega, que aspira a promover a creatividade con base en galego e mais a aumentar a oferta de produtos de cultura e de ocio na nosa lingua. En especial, para promover o uso do galego nas actividades lúdicas e de lecer; para visibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos; para potenciar artistas e dinamizadores galegos, e mais para favorecer a incorporación do galego á programación das actividades para o verán realizadas nos concellos.

Os obxectivos específicos do programa Redecinema son, nomeadamente, visibilizar a lingua galega nas entidades da RDL, activar o seu uso, progresar na sensibilización social a favor do galego, promover o uso da lingua nas actividades lúdicas e de lecer e mais sensibilizar a acción dinamizadora en lugares abertos e públicos.

Rede de Dinamización Lingüística
A RDL é unha iniciativa da Xunta de Galicia que busca a asociación voluntaria de entidades con competencia na promoción do uso da lingua galega no ámbito local para impulsar e reforzar as iniciativas de difusión do galego. Os seus principais obxectivos son os de promover a coordinación, a colaboración e a cooperación das actuacións en materia de dinamización lingüística e optimizar os recursos dispoñibles.

Ademais da Xunta de Galicia, na actualidade forman parte da RDL máis dun terzo dos concellos de Galicia. Canda eles, e participan o Consello da Cultura Galega; as deputacións de Ourense, Pontevedra e A Coruña; as mancomunidades de Terras de Celanova, Fisterra, Ría de Arousa-Zona Norte e Mariña Lucense; o Ilustre Colexio de Avogados de Santiago de Compostela; o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra e a fundación pontecesá Eduardo Pondal.

1031 lecturas