Feijóo: “Manuel Murguía deixa o legado dun sentimento de comunidade, atemporal e integrador, un tesouro que non todos os pobos teñen”
O titular da Xunta participou onte no acto de presentación da biografía Murguía, de Xosé Ramón Barreiro Fernández, na sede da Real Academia Galega.
“No seu maxín, na súa obra teórica, nas súas iniciativas, desenvólvese un galeguismo que non se identifica polas súas oposicións, senón pola capacidade aglutinadora”, destaca.
Subliña que a propia Real Academia é a creación dun espírito cooperativo que quere agrupar aos galegose ás galegas, comulguen ou non cos seus postulados.
“Manuel Murguía deixa o legado dun sentimento de comunidade, atemporal e integrador, un tesouro que non todos os pobos teñen”. Con estas palabras o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quixo dar as grazas “por este inapreciable regalo” ao destacado galeguista e quixo, tamén, facelas extensivas a Xosé Ramón Barreiro pola biografía Murguía, “un libro –dixo- que é unha homenaxe a un dos Pais Fundadores do que agora somos”.
Durante o acto de presentación, Feijóo destacou que Murguía é un home da súa época, que sentiu intensamente os ecos dos acontecementos que se producían no resto do mundo. “Manuel Murguía é, en suma, un galego español e europeo que interpreta a galeguidade como unha suma de círculos concéntricos, nos que coexisten e se enriquecen diferentes identidades. O noso arteixán non é unha barreira contra influencias alleas, senón un transmisor delas. Anticipando o que outros dirían moito máis adiante, aspira a que Galicia se impregne delas e as interprete de acordo cos nosos códigos sociais e culturais. No seu maxín, na súa obra teórica, nas súas iniciativas, desenvólvese un galeguismo que non se identifica polas súas oposicións, senón pola capacidade aglutinadora”.
Neste sentido, subliñou que a propia Real Academia é a creación dun espírito cooperativo que quere agrupar aos galegose ás galegas, comulguen ou non cos seus postulados. “É a súa capacidade para tender pontes cos galegos que pensan distinto, que aman de distinta maneira á patria común, a que fai posible que esta institución consiga no futuro superar momentos turbulentos. Somos e sodes unha feliz consecuencia do talante dun home que puxo ao servizo do seu país as súas inmensas capacidades intelectuais”.
Feijóo concluíu a súa intervención lembrando que “o autor de Los precursores léganos aos galeguistas de hoxe unha idea magnífica sobre o imperativo de actualizar constantemente os nosos principios”.
Novas relacionadas






