Un lucense lidera un programa educativo para presos arxentinos

Jesús Meilán, de Mós, funda unha ONG para educar en prisións.

Listen to this page using ReadSpeaker
Nestes últimos anos unha decena de alumnos logrou rematar os seus estudos universitarios e outros moitos comprenderon que hai vida despois do cárcere.
Nestes últimos anos unha decena de alumnos logrou rematar os seus estudos universitarios e outros moitos comprenderon que hai vida despois do cárcere.

Jesús Meilán Gallego (San Xiao de Mos -Castro de Rei- 1956) tomou conciencia dende a súa máis tenra infancia dos problemas que se aparellan á pobreza. Fillo dunha humilde familia arrendataria tivo que emigrar á casa duns parentes arxentinos despois do falecemento do seu pai.

No seu país de acollida estudou Dereito, converteuse en asesor de Seguridade da Municipalidade de La Plata e fundou un próspero despacho de avogados. No seu traballo como penalista entrou en contacto coa dura realidade carceraria do país e decidiu que había máis traballo que facer. Xunto a Juan Scaloni decidiu implicarse de xeito directo na problemática do delito e as súas consecuencias e fundar a ONG La grieta por onde se asoma a palabra, unha organización altruísta que logrou levar a universidade ao interior das unidades penitenciarias.

«O cliente do sistema carcerario adoita cumprir certas condicións recorrentes. A inmensa maioría son xente sen recursos nin cultura que se ven empurrados ao delito polas leis deste mercado tan cruel», sinala. Segundo explica o lucense, as políticas de axuste que se practicaron no país nos últimos tempos aumentou de «xeito dramático» a masa crítica de cidadáns e cidadás que están a «un sopro de cometer o seu primeiro delito». A falta de cultura é unha constante entre a poboación de risco. «A práctica totalidade dos internos son analfabetos funcionais», laméntase.

Os máis pequenos e as máis pequenas da casa non están excluídos desta roda de destino macabra e a pobreza volve ser o catalizador do desastre. «Aquí as crises son cíclicas; son un elemento recorrente de conmoción da economía que suceden cada 10 ou 15 anos e isto provoca que cada vez máis xente se vexa fóra do sistema. Hai que pensar que hai familias que xa viven a súa terceira xeración consecutiva de exclusión laboral e isto é insostible».

As nenas e os nenos non son alleos a este escenario de miseria estrutural. «O primeiro contacto dos menores co delito adoita producirse cando estes senten a necesidade de proverse de artigos de consumo que as súas familias non poden satisfacer». Deste xeito, unha cazadora, unha camiseta do equipo local ou unhas zapatillas deportivas de marca convértense na porta de entrada ao submundo da delincuencia. «Son vítimas dobres da falta de recursos e a histeria consumista desta sociedade», engade.

690 lecturas