Os rapaces e rapazas da diáspora participantes nos campamentos de verán da Xunta visitaron a Cidade da Cultura

Ademais, na súa estadía na capital galega informáronse de diversas iniciativas internacionais de dinamización xuvenil.

Listen to this page using ReadSpeaker
20 de xullo de 2011.

As rapazas e os rapaces participantes nos Campamentos de Verán 2011 da Xunta de Galicia procedentes da diáspora, visitaron hoxe Compostela, onde coñeceron a Cidade da Cultura e diversas iniciativas internacionais de dinamización no Centro Coordinador de Información e Documentación Xuvenil, sito na Praza do Matadoiro.

Este verán, serán un total de 300 as mozas e os mozos que se poderán beneficiar das prazas reservadas a fillos, fillas, netos e netas de emigrantes galegos e galegas no exterior nos Campamentos de Verán, que organiza a Dirección Xeral da Xuventude, sufragadas pola Secretaría Xeral da Emigración.

Foron, nesta convocatoria de 2011, máis de 700 as solicitudes recibidas para un total de 336 prazas. Un ano máis, o país do que procede a maioría da mocidade é a República Arxentina, con 148, case a metade do total. Seguen despois Uruguai con 76, Venezuela con 52, Brasil con 20, e o resto dos beneficiarios e beneficiarias proceden de Perú, México, Cuba, Chile, e Costa Rica. Hai tamén tres prazas que se reservaron para residentes noutras Comunidades Autónomas españolas, e finalmente unha delas recaeu nun solicitante residente habitual en Francia.

Trátase dun número de prazas reservado ao colectivo da diáspora, co obxectivo de fornecer as ligazóns que relacionan a estes mozas e mozos coa terra dos seus familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia por riba dos países onde teñan nacido. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da súa familia que quedaron na Galicia territorial.

1593 lecturas