Anunciada a contratación do servizo de desprazamento dos campos e campamentos de traballo da Secretaría de Emigración

Listen to this page using ReadSpeaker
3 de febreiro de 2012.

Secretaría Xeral da EmigraciónO Diario Oficial de Galicia publica na súa edición deste venres a resolución asinada polo secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, para a licitación do servizo de desprazamento dos e das participantes nos programas e actividades dos campos de traballo da Secretaría Xeral da Emigración, cuxas bases poden consultarse na web www.contratosdegalicia.es.

O orzamento da licitación é de 213.500 euros, IVE incluído, e o prazo de presentación das ofertas remata en 15 días naturais desde a publicación. O programa de campamentos e campos de traballo trata de fornecer as ligazóns que relacionan a estas mozas e mozos coa terra dos seus e das súas familiares e que, en moitas ocasións, senten como propia por riba dos países onde teñan nacido. A iniciativa, para moitos deles e delas, supón a primeira posibilidade de coñecer fisicamente a terra dos seus devanceiros, e as xeracións da súa familia que quedaron na Galicia territorial.

Segundo atesoura a experiencia, nestes Campamentos de Verán, os fillos, fillas e netos e netas na diáspora comparten cos outras mozas e mozos galegos uns días de experiencias e intercambio que supoñen un importante enriquecemento mutuo, especialmente no caso dos e das residentes habituais en países de América Latina, que son o 99 por cento das persoas beneficiarias.

Na convocatoria de 2011, foron máis de 700 as solicitudes recibidas para un total de 313 prazas. Un ano máis, o país do que procederon a maioría da mocidade foi a República Arxentina, con 148, case a metade do total. Seguiu despois Uruguai con 76, Venezuela con 52, Brasil con 20, Perú con 5, México con 4, Cuba con 2, Chile con 1, e Costa Rica con 1. Outras 3 prazas reserváronse para residentes noutras Comunidades Autónomas españolas, e a última das prazas recaeu nun solicitante residente habitual en Francia.

874 lecturas