Os eucaliptos máis altos de Europa

No Souto de Retorta, en Viveiro, as árbores alcanzan os 80 metros.
Os eucaliptos máis altos de Europa

No Souto da Retorta (parroquia de Chavín, en Viveiro), lugar declarado Monumento Nacional en febreiro de 2000, encóntranse os eucaliptos máis altos e máis vellos de toda Europa, aproximadamente uns 600 a beiras do río Landro. Pertencen á variedade coñecida como eucalipto branco e algúns exemplares chegan aos oitenta metros de altura. Un deles, coñecido como "O Avó", ten un perímetro de 10,5 metros. Foron plantados, segundo recolle o enxeñeiro Ignacio Sánchez de testemuños dos que foron os herdeiros do terreo, entre os anos 1884 e 1912. Cinco das árbores de Chavín pertencen á primeira plantación, e a maior parte corresponden a unha segunda e terceiro repoboación feito polo propietario Xosé Barro entre 1895 e 1912 respectivamente.

O lugar é estratéxico, pois sitúase nunha zona de excepcional produción forestal: situada a menos de tres quilómetros do mar en liña recta, baixa altitude (menos de cen metros), nun val estreito rodeado de cumios de máis de 600 metros, protexido das xeadas e das altas precipitacións. Todo isto fixo crecer as árbores como en ningún outro sitio. Ademais do propio eucaliptal no terreo danse paradoxalmente un bo número de especies autóctonas, un verdadeiro bosque de castiñeiros, carballos, ameneiros, bidueiros... que queren contradicir a teoría de que estas enormes árbores das antípodas impiden que creza no lugar calquera outra especie.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1347 lecturas