O único río de Europa que desemboca en fervenza

O río Xallas traza no seu último tramo unha catarata de máis de 30 metros.
O único río de Europa que desemboca en fervenza

A historia recente da fervenza do río Xallas no Ézaro é a crónica dun extraordinario fenómeno natural que foi morto e logo resucitado. Vexamos: a caída que traza o Xallas no momento da súa desembocadura no Atlántico é probablemente única en todo o Vello Continente, pero a construción dun encoro augas arriba rematou con ela en 1986. Houbo que esperar ata agosto do ano 2000 para que, tras a mobilización de colectivos da Costa da Morte (principalmente a Asociación Neria), a Xunta de Galicia e a central hidroeléctrica Ferroatlántica chegasen a un acordo para abrir a presa durante determinadas horas da semana e permitir así retornar ao seu estado natural este exclusivo espectáculo: a auga fluvial cae libre polas rochas graníticas ata dar ao océano. Hoxe, e dende abril de 2011, o último treito do río entre o encoro de Santa Uxía e a fervenza do Ézaro, está aberto de xeito permanente ao devovérselle o seu caudal ecolóxico .

O río Xallas chega ao mar tras percorrer 64 kilómetros dende o seu nacemento en Monte Castelo a 440 metros de altitude (e pasar polos municipios de Coristanco, Santa Comba, A Baña, Zas, Mazaricos e Dumbría). No seu último tramo alcanza un once por cento de pendente, encaixado no mítico monte Pindo e finalmente desemboca no Ézaro cunha caída de máis de trinta metros. Sorprendeu a Murguía ("o bronco rumor da corrente que se lanza dende a altura") e ao Padre Sarmiento, quen en 1745 describe a impresión que lle causou esta fervenza e refírese ao pozo de inmensa profundidade que forma sobre as augas, levantando como un monte de escuma. Ese pozo recibe hoxe o nome de Coadoiro, e alcanza os 16 metros de fondo, orixe de varias lendas.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

916 lecturas