O pobo máis complexo de España

Os Peares pertence a dúas provincias, catro concellos, tres partidos xudiciais, tres bisbarras e dúas dióceses.
O pobo máis complexo de España

Xusto onde o Miño recibe as augas do Sil viven uns cincocentos veciños nun inimaxinable caos organizativo. É o pobo de Os Peares, unha soa parroquia, a de Nosa Señora do Pilar, nun pobo que está repartido entre dúas provincias (Lugo e Ourense), catro concellos (Carballedo e Pantón, en Lugo; e Nogueira de Ramuín e A Peroxa, en Ourense), tres partidos xudiciais, dúas dioceses, tres bisbarras... e tres ríos: Miño, Sil e Búbal, circunstancia hidrográfica que aproveitan dende os anos corenta dúas centrais eléctricas.

O absurdo administrativo de Os Peares converte a este lugar, que dista dezaoito kiilómetros da cidade de Ourense, no pobo máis complexo de España é un verdadeiro pesadelo para os seus veciños, que teñen que espallar o seu papelame por media Galicia. Moitos deles están afeitos a saír na televisión para contar, ante os incrédulos xornalistas, o kafkaiano galimatías no que viven.

En maio de 1999, catorce anos despois de que os seus veciños tivesen principiado unha campaña para converterse en municipio propio, aprobouse unha fórmula para intentar organizar medianamente este caos: a Xunta, as deputacións de Lugo e Ourense e os catro concellos acordaron constituír o Consorcio Local de Os Peares.

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1269 lecturas