O arado máis longo do mundo

Consérvase en Oseira e chegou a medir máis de 35 metros.
O arado máis longo do mundo

A finais do século XIX aínda traballaba polas terras que hoxe coñecemos como Área Metropolitana de Vigo e norte de Portugal toda unha xoia etnográfica, un monumental arado tirado ata por once xugadas de bois, coñecido como o "arado besadoiro". Del fala xa o Padre Sarmiento a mediados do século XVIII, e tamén, entre outros, Xaquín Lorenzo: "Un curioso arado con aspecto moi vello", do que o etnógrafo ourensán tivera noticia en Mondariz-Balneario e que recolle na súa Historia de Galicia (1962). Esta cita de "Xocas" espertou a curiosidade de Olimpio Liste quen iniciou un labor de investigación e localización de pezas "arrumbadas nos palleiros" para montar o que hoxe se mostra no Museo Etnográfico Liste de Oseira: é posiblemente o arado máis longo do mundo, cunhas medidas que superaban, en pleno funcionamento, os 35 metros de lonxitude, para o que se necesitaba do traballo dunhas 70 persoas.

Olimpio Liste, que fundou en 1972 coa axuda de Ferro Couselo e Xaquín Lorenzo o primeiro museo etnográfico de Galicia, certifica que "pola súa lonxitude de tiro e o sorprendente número de xugadas, este arado é único. Sabemos doutros en Francia ou mesmo Vietnam, pero non chegan a estas dimensións. Deixou de arar en Galicia a finais do século XIX, aínda que no norte de Portugal seguiu traballando a comezos do XX".

(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))

1860 lecturas