Unha das maiores concentracións de petroglifos de Europa

A provincia de Pontevedra é unha das zonas de Europa con maior concentración de gravados rupestres, sobre todo petroglifos. Os principais achados producíronse no val do río Lérez, no municipio de Vigo e na bisbarra do Baixo Miño. Dende os amplamente coñecidos ao norte do Concello de Campo Lameiro ata o castro de Santa Tegra na desembocadura do Miño, pasando por Cotobade (a "Pedra das Ferraduras" en Fentáns) ou os labirintos de Mogor (Marín), a beiras da ría mirando ao mar. Cada ano de investigación aparecen novos achados. Dende a década dos noventa só na zona de Vigo e Baixo Miño xurdiron unhas 350 novas pedras gravadas.
Os gravados rupestres son expresións feitas sobre pedra, ao aire libre, que parecen ter un significado simbólico-relixioso. A maior parte deles foron realizados a inicios da Idade de Bronce (1800-750 a. C.). En Galicia, a arte rupestre en xeral ten, a xuízo dos investigadores unha personalidade propia fronte a outros focos do occidente europeo, e esta plásmase, por exemplo, en diversas representacións de animais (cervos, cabalos ou serpes) e armas. O especialista Peña Santos confirma que Galicia é unha das zonas de Europa Occidental máis eminentes neste sentido.
(O capítulo completo e máis singularidades de Galicia, no libro Galicia en cen prodixios, de Henrique Alvarellos (Edicións Xerais, 2004))