Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina

Este centro nace en setembro de 1921 co nome de Federación de Sociedades Galegas, Agrarias e Culturais, como resultado da unión de doce entidades que suman 1300 persoas asociadas. O obxectivo enunciado na súa declaración de principios consiste na redención do campesiñado galego, a superación do atraso económico e cultural de Galicia e a liberdade do pobo español. Durante os anos 20 logra unha gran adhesión de conxunto de microasociacións comarcais galegas, totalizando en pouco tempo 40 entidades con 5800 persoas afiliadas.
Edita un quincenario chamado O Despertar Galego, que, diante da censura imperante en España, se converte nun dos puntos de propaganda das novas ideas nacionalistas de esquerda.
Ao longo da súa historia, a Federación trasladou as súas actividades a diferentes sedes produto do devenir político e económico da Arxentina e da mesma entidade. Daquela primeira casa na rúa Bolivar 655 ata a actual na rúa Chacabuco 955, foron varios os traslados, aínda que sempre estivo restrinxido a un mesmo barrio da cidade de Bos Aires: San Telmo.






