XII séculos de historia do Camiño de Santiago

  • No Camiño de Santiago prodúcese unha vinculación entre as distintas persoas vindas de todos os cantos do mundo e os habitantes das poboacións que atravesan, creando un sentimento de acollida nestes últimos.

No século IX comezan as peregrinacións a Santiago de Compostela a raíz do descubrimento da tumba do apóstolo Santiago. Ao longo dos oito séculos seguintes, o fluxo continuo de peregrinos de toda Europa marca as rutas que conflúen en España para dirixirse ata Santiago de Compostela, o punto final de converxencia de todas as rutas xacobeas e meta da peregrinación.

No Camiño de Santiago prodúcese unha vinculación entre as distintas persoas chegadas de todos os recunchos do mundo e os habitantes das poboacións que atravesan, creando un sentimento de acollida nestes últimos. Estas interaccións outorgan aos implicados, ademais dun positivo valor espiritual, unha boa base para a difusión das linguas, os costumes, as correntes de pensamento ou, por exemplo, os estilos artísticos.

Os camiños máis coñecidos ata a cidade Santa
O Camiño Francés é a ruta xacobea máis recoñecida internacionalmente e a máis transitada. As vías de peregrinación que atravesan o continente europeo, xa dende a Idade Media, conflúen en Francia en catro vías principais, para internarse na Península Ibérica por dous pasos fronteirizos, o Porto de Somport, en Huesca, e por Roncesvalles, en Navarra, uníndose os dous itinerarios en Puente la Reina (Navarra). O seu trazado, a través do norte da terra hispana, mantén unha única ruta cara a Santiago, atravesando cidades como Estella, Logroño, Santo Domingo da Calzada, Burgos, León, Astorga ou Villafranca del Bierzo.

Por outra parte, Ferrol e A Coruña son os dous puntos de partida para o Camiño Inglés. A variante A Coruña-Santiago consta de 74 quilómetros, que poden realizarse en tres etapas, e a de Ferrol-Santiago suma 118 quilómetros, que se poden facer en cinco etapas. Os hospitais do Camiño Inglés serviron como refuxio para os peregrinos que o realizaban. Contaban coa orde do Sancti Spiritus, e a partir do s. XIV a orde franciscana abriu os seus en Pontedeume e Betanzos, un alivio para estes peregrinos.

O Camiño Primitivo ten a súa orixe na cidade de Oviedo, pero foi seguido tamén por outros visitantes vidos dende o norte de España e Europa. Ata que no século X se consolida o Camiño Francés, este foi o itinerario máis frecuentado. Mesmo dende a aparición desta última ruta, o Primitivo foi unha importante alternativa debido ao gran valor espiritual que moitos peregrinos lle daban ás reliquias da Catedral de Oviedo e á de Lugo, uns monumentos históricos que non querían deixar atrás.

O Camiño Portugués en Galicia comeza en Tui, onde a catedral románica e gótica de Santa María é testemuña, dende a Idade Media, do tránsito de peregrinos. Dende Tui faltan seis etapas, cun total de 113 quilómetros, para chegar a Santiago de Compostela. Esta é unha ruta que permite achegarse ao santuario da Virxe Peregrina en Pontevedra, un dos puntos de referencia do as peregrinacións xacobeas.

A través da ruta do Norte chegan peregrinos a Santiago dende Francia ou dende os países atlánticos, ademais dos asturianos, para visitar o Santuario de San Salvador de Oviedo e a catedral de Compostela. O tramo galego desta ruta consta 170 quilómetros, que poden realizarse en 10 etapas. Entre os moitos peregrinos que camiñaron por esta ruta para visitar o Apóstolo destaca a figura de San Francisco de Asís, que peregrinou no ano 1214.

O Camiño de Santiago, declarado conxunto histórico-artístico en 1962 polo Estado español, alcanzou múltiples recoñecementos internacionais. O Consello de Europa distinguiuno como Primeiro Itinerario Cultural Europeo en 1987, concedéndolle en xullo de 2004 a categoría de Grande Itinerario Cultural Europeo. En 1993, foi incluído na Lista de Bens declarados Patrimonio da Humanidade pola Unesco.

Con todo, a Ruta Xacobea atrae ao visitante polas súas múltiples riquezas, xa que cada ano o número de persoas que desexan coñecer as súas interioridades é maior. A vitalidade espiritual, artística ou cultural, así como a acollida e a hospitalidade das súas xentes, sumado á beleza e á variedade das paisaxes que se atravesan é un grande estímulo para que miles de peregrinos, xa ben sexa a pé, en bicicleta ou a cabalo, se lancen a conquistar os camiños.

1229 lecturas