Publicacións, exposicións e congresos para difundir o patrimonio cultural galego.
O traballo do Arquivo da Emigración Galega non se limita a recuperar a historia dos emigrantes, senón tamén divulgar a cultura galega.
Ademais de recuperar as historias da diáspora, o Arquivo da Emigración Galega (AEG) traballa na difusión do patrimonio cultural de Galicia e faino de diversas maneiras. Unha delas é a revista Estudos Migratorios, publicada dende 1995.
A publicación reúne artigos científicos resultados de investigacións sobre os fenómenos migratorios realizadas polo comité técnico do Arquivo. O órgano está coordinado polo director da institución, Ramón Villares, e nel participan profesores das universidades galegas. Na páxina web do AEG están dispoñibles todas as edicións da publicación.
Internet tamén é unha das apostas do Arquivo para a difusión do patrimonio cultural galego. A nivel local, a institución forma parte da rede virtual de bibliotecas de Galicia. Internacionalmente, o AEG está presente en The International Network of Migration Institutions, unha rede mundial de institucións de estudos migratorios; e tamén é membro en The Association of European Migration Institutions, a asociación das institucións europeas sobre emigración.
Proxectos
Actualmente, o Arquivo da Emigración Galega traballa nun proxecto para recuperar o legado educativo da emigración. As Escolas da Emigración recuperará os rexistros das Sociedades Instrutivas formadas por emigrantes que dende o exterior contribuían á construción de centros escolares en Galicia. O AEG xa ten catalogadas informacións de máis de 220 escolas deste tipo na comunidade autónoma.
Para complementar o seu labor de difusión da cultura galega, o Arquivo tamén realiza exposicións que leva a diversas partes do mundo a través dos centros galegos noutros países. Tamén realiza polo menos un congreso ao ano sobre a temática da emigración.