Lavacolla, un fervedoiro de familiares que esperaban o regreso dos seus

  • Repartidos en catro voos, chegaban ao aeroporto de Santiago os 132 participantes do programa «Volver á Terra».

A emoción causou efecto un ano máis no aeroporto de Santiago de Compostela. Repartidos en catro voos, chegaban os 132 participantes do programa «Volver á Terra» que anualmente organiza a Secretaría Xeral de Emigración en colaboración coa Consellería de Traballo e Benestar.

Como o resto dos anos, os galegos residentes en Arxentina formaban o grupo máis numeroso, composto por unhas 64 persoas, seguidos do grupo dos uruguaios, que eran 58. Os arxentinos fixéronse esperar. Tiñan o voo previsto para as 8.55 horas, pero non chegaron ata as 12.30 da mañá ao aeroporto de Lavacolla.

Xa pola tarde chegaría o último dos grupos de beneficiarios das axudas da Consellería, o formado polas nove persoas que viaxaban dende Cuba, así como o único viaxeiro que viña dende Brasil para pasar uns meses na súa terra natal.

Un fin moi concreto
O programa «Volver á Terra» ten por finalidade favorecer o achegamento dos emigrados a Galicia, así como ofrecerlles a oportunidade de ver as súas familias. Na súa maioría, os emigrados teñen uns 60 anos de idade, non obstante, nesta edición, dous dos participantes -que residen en Arxentina e Uruguai- eran maiores de 90 anos.

A estanza total dos participantes será de tres meses e farase en dúas fases moi diferenciadas. Uns estarán dúas semanas na Residencia de Tempo Libre do Carballiño, en Ourense, para desenvolver actividades recreativas e culturais acomodadas ás súas necesidades. Alí tamén terán a oportunidade de poñerse en contacto coa realidade actual da súa terra, propiciando actividades que posibiliten o coñecemento da Galicia de hoxe, así como o intercambio de experiencias co resto dos participantes. O resto dos beneficiarios poden optar a unha estanza dun tempo máximo de tres meses cos seus máis achegados.

451 lecturas