Galicia, unha comunidade que crece da man da inmigración

A Xunta de Galicia, especialmente dende a Secretaría Xeral de Emigración, organiza programas destinados ás necesidades dos inmigrantes, xa que actualmente na comunidade viven 95.568, unha cifra que case se cuadriplica respecto ao ano 2000, cando había 25.602 empadroados.

Tan só durante o 2009, o número de estranxeiros residentes en Galicia elevouse a 95.568, é dicir, un 3,4 por cento da poboación total, cun aumento do 17 por cento con respecto ao ano anterior, cando había 81.442 empadroados (que representaban o 2,9 por cento dos habitantes).

Segundo os datos achegados pola Secretaría Xeral da Emigración os principais países de inmigración son Portugal, con 18.521 inmigrantes, Brasil, con 10.574, Colombia, con 8.279, Romanía, con 5.187, Arxentina, con 5.148, e Marrocos, con 4.667,». «En termos porcentuais, do total da poboación galega, 2.784.169 habitantes, os nosos inmigrantes representan un 3,4 por cento, asentándose maioritariamente nas provincias de Pontevedra e A Coruña», sinalan dende a Xunta.

Os datos avalan que Galicia é unha comunidade que nos últimos anos cambiou de rol: de ser un país exportador de emigrantes cara ao exterior a converterse, dende hai unhas poucas décadas, nunha sociedade receptora de inmigrantes que buscan aquí un futuro mellor.

No conxunto do país
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), o número de estranxeiros empadroados en España chega ao 11 por cento da poboación total. Pola súa parte, Castela e León e Castela-A Mancha son as autonomías que experimentan un maior crecemento, un 30 por cento respecto ao ano anterior. Ademais, o número de estranxeiros empadroados era de 5.268.762, cifra que significa un 11 por cento do conxunto da poboación, mentres que no 2007, este número era de 4.519.554, un 10 por cento menor do total nacional.

Ademais de Castela e León e Castela-A Mancha, as autonomías que rexistran un crecemento máis rechamante son Asturias, Aragón e Cantabria, todas elas con porcentaxes en torno ao 24 por cento, seguidas de Extremadura, con algo máis dun 20 por cento e a cidade autónoma de Melilla co 21. A estas comunidades séguenlles País Vasco e La Rioja, co 19 por cento de aumento entre 2007 e 2008 nos dous casos.

Por outro lado, os datos máis baixos encóntranse en Murcia, co 11 por cento e Canarias e Cataluña, que rozan o 13 por cento.

Fronte a estes datos pódese afirmar que Galicia establécese nun punto medio na estatística do Instituto Nacional de Estatística (INE) cun perfil de inmigrantes establecido en «xente nova, procedente case na totalidade de Latinoamérica, e que vén a Galicia fundamentalmente por motivos laborais», tal e como se precisa dende a Secretaría Xeral da Emigración.

698 lecturas