A emigración galega reconstrúese en feminino

Fernández Darriba, a directora de Foeminas, Revista Virtual de Xénero, comentou que o seu relatorio «ten moito que ver coas mulleres galegas, as emigrantes, as non emigrantes, as que construíron unha idea de nación a partir da súa identidade e as que se vincularon con outras culturas».

O papel das mulleres na emigración, «aínda que ás veces invisible», é o tema principal en torno ao que se centran estes días os debates do II Ciclo de Historias de Mujeres y Mujeres en la Historia, organizado polo Goberno da capital arxentina en colaboración con diversas entidades, entre elas a delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires. Estes relatorios, que non culminarán ata o 2 de decembro, reúnen as distintas expertas en materias sociais que abordan os temas históricos que aínda afectan á muller actual: as migracións, a globalización, as políticas, os dereitos de xénero ou a economía.

«Este traballo ten moito que ver coas mulleres galegas, as emigrantes, as non emigrantes, as que construíron unha idea de nación a partir da súa identidade e as que se vincularon con outras culturas», comenta Micaela Fernández Darriba, a directora de Foeminas, Revista Virtual de Xénero. A experta puxo especial atención no problema das «fontes de información» ao longo do seu relatorio, xa que critica que a materia prima informativa vén «dende un punto de vista masculino» e, por iso, o que hai que facer é «reconstruílo a anacos» dende as partes que parecen ocultas» no tempo.

Fernández Darriba, na súa exposición, tratou o tema da obra da londiniense Virxinia Wolf, unha muller notablemente influenciada por Proust, cuxo punto de vista está marcado pola introspección, polo retrato psicolóxico dos personaxes e polo paso do tempo. No seu traballo aparece o concepto de «matria» -que outros autores tamén o retomarían- onde se aprecia implícito o sentido de defender un espazo propio da muller en plena sociedade marcada polas condutas machistas. Esta «matria» relaciónaa coa situación galega, onde se aprecia dende unha «invisibilización» da muller ata a súa traxectoria feita un mito.

E esta última idea exemplifícaa co caso de María Castaña, unha luguesa que no século XIV emprendeu unha revolta eclesiástica. Non se sabe se esta historia pertence ou non á ficción, pero a frase «nos tempos de María Castaña» é moi coñecida, ao igual que, en palabras da experta, «apela ao concepto dunha muller que empezou unha revolta popular». Fernández Darriba citou tamén o caso da revolucionaria María Pita, quen o s. XVI encabezou unha revolta na Coruña, ou os escritos da poetisa galega Rosalía de Castro, así como as achegas de Concepción Areal, ou Emilia Pardo Bazán en materia educativa na historia galega. Todo unha referencia ao longo dos séculos.

Fernández Darriba aclarou que moitas mulleres «donas da súa idade e sen recoñecementos, asumiron tarefas que poderían parecer estrañas para a época», non como agora, «que o fan do xeito máis normal», aínda que hai que seguir traballando pola plena igualdade.

Quería mostrar que hai unha inmigración que xurdiu discriminación polos estereotipos en lugares como Galicia, Perú ou moitos outros -detalla Fernández Darriba-, así que o importante é construír unha rede para que estas diferenzas non volvan repetirse.

872 lecturas