A Xunta promoverá o retorno con traballo de 200 persoas galegas do exterior dentro do modelo propio de atracción de talento conectado co tecido laboral

O Consello do Goberno galego coñeceu hoxe a nova edición do Retorna Cualifica Emprego, enmarcado na Estratexia Galicia Retorna e que favorece o regreso de galegos e galegas da diáspora e a cobertura de vacantes por parte de empresas.

Este programa xa permitiu que 400 galegos e galegas cunha idade media de 35 anos regresasen desde 21 países diferentes, acompañados moitos deles por familiares — en total, outras 160 persoas—, e que traballan en 60 concellos de toda Galicia.

Inclúe a oferta da formación necesaria ás persoas seleccionadas para a cualificación profesional precisa no posto de traballo que ocuparán así como apoios para facilitar a súa instalación en Galicia, entre eles os destinados ao alugueiro de vivenda.

Como novidade, refórzase o período de prospección e acompañamento para obter resultados axustados a cada territorio, detectando as necesidades de man de obra e afinando a selección en orixe das persoas interesadas nas vacantes ofertadas.

O modelo autonómico para sumar talento inclúe outras accións como as feiras de emprego das cales este ano se celebrará unha nova edición o 6 e o 8 de xuño no Brasil.

A Xunta promoverá o retorno con traballo de 200 persoas galegas do exterior dentro do modelo propio de atracción de talento conectado co tecido laboral
A Xunta promoverá o retorno con traballo de 200 persoas galegas do exterior dentro do modelo propio de atracción de talento conectado co tecido laboral
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 20 de abril de 2026.

O Consello da Xunta analizou hoxe a convocatoria deste ano do programa Retorna Cualifica Emprego coa que se procurará que 200 persoas galegas residentes no estranxeiro poidan regresar a Galicia a desenvolver a súa vida e a súa traxectoria profesional. A ela o Goberno galego destina 2,3 M€ —a distribuír nas anualidades 2026 e 2027— e deste xeito avala a traxectoria desta iniciativa, que nas súas dúas edicións anteriores permitiu o retorno de preto de 400 galegos procedentes de 21 países e acompañados moitos deles pola súa familia. En total, retornaron con máis de 160 persoas acompañantes e en 60 concellos hai empresas con traballadores retornados a través deste programa, o que evidencia a súa dimensión social e de integración. 

En concreto, este programa enmarcado na Estratexia Galicia Retorna e no modelo propio da comunidade para atraer talento dun xeito ordenado e planificado está destinado ás persoas galegas que emigraron ou aos seus descendentes e que sexan menores de 55 anos favorecéndolle a volta á Comunidade galega con traballos ofertados en orixe da man das empresas que poderán ofertar as súas vacantes no portal do programa. Para iso, inclúe a oferta da formación necesaria ás persoas seleccionadas para a cualificación profesional precisa no posto de traballo que van ocupar, así como apoios para facilitar a súa instalación en Galicia. Entre eles os destinados ao alugueiro de vivenda, que se incorporaron na convocatoria do ano pasado. 

Como novidade, destaca o aumento dos 11 aos 16 meses do período de prospección e selección, o que permitirá aos beneficiarios contar con máis tempo de acompañamento polas entidades que xestionen o programa e para recadar a documentación que precisen. 

 Con esta convocatoria, que se publicará en vindeiros días no DOG, regúlase a xestión do programa mediante a selección de entidades que reúnan os requisitos exixidos para desenvolver o programa. Búscanse resultados vinculados a cada territorio detectando as empresas que demanden man de obra e seleccionando persoas candidatas que respondan aos perfís que solicita o tecido empresarial. Isto acompáñase dunha atención integral que facilita a toma de decisións tanto ao tecido produtivo interesado en poder cubrir vacantes como ás persoas con vontade de aceptar esas ofertas.

Máis detalles das edicións anteriores

Esta 3º edición do Retorna Cualifica Emprego súmase aos resultados das dúas anteriores. As preto de 400 persoas beneficiarias teñen unha idade media de 35 anos e entre os seus países de procedencia están Arxentina, Uruguai, Cuba, Venezuela, Brasil, Colombia, México, Reino Unido, Alemaña ou Suíza. As súas ocupacións abranguen sectores como a hostalaría, a industria e construción, o comercio e servizos ou o agrogandeiro. En concreto, en 2025 preto de 220 empresas ofertaron ou manifestaron o seu interese por cubrir vacantes, implicando deste xeito máis de 90 concellos no seu conxunto.

Modelo propio de atracción de talento

O modelo galego de atracción de talento de que forma parte este programa baséase nunha inmigración controlada, segura e eficaz, vinculada á demanda das empresas e priorizando a integración. Con ese fin, está enfocado en primeiro termo no retorno das persoas galegas do exterior a través da Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, con que se prevé superar o obxectivo de 30.000 persoas retornadas nese período tendo en conta que no 2023 e 2024 retornaron arredor de 17.000 —máis de 8.400 en cada anualidade—, unha tendencia que se prevé consolidar nos datos de 2025. Nun segundo eixe está a captación ordenada de talento procedente de terceiros países, onde, entre outros aspectos, é prioritaria a axilidade por parte do Executivo no traspaso das competencias das autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras que solicitou a Xunta. 

Fronte a improvisación do Goberno —manifestada en cuestións coma a regularización de persoas en situación irregular, deseñada sen escoitar as CCAA—, Galicia defende este modelo propio. Unha folla de ruta que tamén abarca outras actuacións como as feiras de emprego, celebradas o ano pasado por primeira vez na Arxentina e no Uruguai, ás cales asistiron máis de 3.500 persoas e nas cales participaron 5 clústeres e unha vintena de empresas de sectores estratéxicos. Tras este éxito, este ano repetirase no Brasil. En concreto, o 6 de xuño en São Paulo e o 8 de xuño en Salvador de Bahía.

624 lecturas