A Xunta procurará o retorno de 200 galegos do exterior investindo 2,3 m€ na terceira edición do programa Retorna Cualifica Emprego

Este programa xa permitiu que 400 galegos cunha idade media de 35 anos voltaran desde 21 países diferentes, acompañados moitos deles por familiares —en total, outras 160 persoas—, e que traballan en 60 concellos de toda Galicia.

Búscanse resultados pegados a cada territorio detectando as necesidades de man de obra e afinando a selección en orixe das persoas con vontade de volver a Galicia ocupando esas vacantes, ofrecéndolles formación para completar a súa cualificación.

Como novidade, refórzase o período de prospección e acompañamento para obter resultados axustados a cada territorio, detectando as necesidades de man de obra e afinando a selección en orixe das persoas interesadas nas vacantes ofertadas.

A Xunta procurará o retorno de 200 galegos do exterior investindo 2,3 m€ na terceira edición do programa Retorna Cualifica Emprego
A Xunta procurará o retorno de 200 galegos do exterior investindo 2,3 m€ na terceira edición do programa Retorna Cualifica Emprego
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela (A Coruña), 21 de maio de 2026.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) ven de publicar as bases da terceira edición do programa Retorna Cualifica Emprego, cun orzamento que se incrementa ata os 2,3 M€. Enmarcado na Estratexia Galicia Retorna co gallo de favorecer a volta á nosa Comunidade de persoas que emigraron ou dos seus descendentes con traballos ofertados en orixe da man das empresas, o obxectivo desta nova andaina é beneficiar uns 200 residentes no exterior menores de 55 anos deica finais de 2026, incorporando novos apoios para que poidan acceder de xeito máis doado a unha vivenda.

Coa nova convocatoria, búscase acadar resultados pegados á realidade de cada territorio detectando as empresas que demanden man de obra e cunha atención integral que facilite a toma de decisión tanto ao tecido produtivo interesado en poder cubrir as súas vacantes como ás persoas con vontade de aceptar esas ofertas laborais.

Detalles da convocatoria

O Retorna Cualifica Emprego contempla, entre outras accións, a detección de postos de traballo que non estean a ser cubertos pola poboación residente en Galicia en base ás necesidades que así manifesten as empresas interesadas en cubrir esas vacantes, así como a oferta deses postos de traballo a residentes no exterior con afán por retornar.

Unha vez realizado o encaixe entre oferta e demanda, a iniciativa da Xunta abrangue a elaboración de plans personalizados de cualificación e empregabilidade, incluíndo os recursos de formación necesarios que poidan ser de interese para complementar a capacitación profesional que precisen os postos de traballo que se van ocupar. Así mesmo, contémplase a formalización dos correspondentes contratos indefinidos en Galicia.

47 lecturas