A Xunta presenta a entidades e empresas do eido dos recursos humanos os detalles da nova convocatoria de Talento Sénior

A segunda edición deste programa, cuxo prazo de solicitudes está aberto ata o 11 de agosto, permitirá a contratación de 14 profesionais con máis de cinco anos de experiencia en empresas, organismos de investigación e centros tecnolóxicos.

A través da primeira edición, contratáronse 10 profesionais de alta cualificación en sectores como TIC, automoción, aeronáutica, Industria 4.0 ou servizos de enxeñaría.

  • O programa Talento Sénior é unha das preto de 60 medidas que integran a Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
    O programa Talento Sénior é unha das preto de 60 medidas que integran a Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
  • O programa Talento Sénior é unha das preto de 60 medidas que integran a Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
    O programa Talento Sénior é unha das preto de 60 medidas que integran a Estratexia Retorna 2020 da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2019.

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, mantivo a pasada semana unha reunión con entidades e empresas relacionadas coa xestión de recursos humanos e de talento para presentar os detalles da nova convocatoria do programa Talento Sénior. Esta segunda edición está encamiñada a apoiar a contratación de profesionais de alta cualificación para a realización de actividades de I+D+i en empresas e organismos de investigación públicos ou privados de Galicia. A orde, que ten aberto o prazo de solicitude ata o 11 de agosto, está dotada cun orzamento ampliable de 960.000 euros, co que se prevé apoiar a contratación de 14 profesionais, con máis de cinco anos de experiencia, no ámbito da I+D+i.

A intensidade da axuda variará entre o 40 e o 60% en función da retribución bruta por cada contrato indefinido ou de duración igual ou superior a 3 anos. Apoiaranse ata 2 contratos por entidade, en función da dispoñibilidade orzamentaria, cunha retribución anual bruta mínima de 40.000 euros. Os requisitos que debe cumprir o persoal que se contrate son: estar en posesión dunha titulación universitaria media ou superior, contar cunha experiencia laboral superior a 5 anos e non ter sido contratada ou contratado nos 2 anos anteriores pola entidade solicitante, no mesmo grupo de cotización.

Entre os criterios de valoración da convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, inclúense o perfil da persoa que se vai contratar, a súa experiencia en I+D+i e a súa traxectoria internacional, a condición de retorno e atracción e a calidade do proxecto de I+D+i proposto. Primarase, ademais, a igualdade de xénero, tendo en conta que a persoa a contratar sexa unha muller e que a entidade beneficiaria presente un plan de igualdade, e a contratación indefinida.

O obxectivo desta liña de axudas é estimular a demanda de profesionais de alta cualificación nas empresas e centros de coñecemento, así como atraer e reter talento en Galicia. A edición de 2018 deste programa permitiu a contratación de 10 profesionais de alta cualificación -sete en empresas e tres en centros tecnolóxicos- que desempeñan actividades de I+D+i en sectores como as TIC, a automoción, o aeronáutico, a Industria 4.0, o lácteo, a pesca ou os servizos de enxeñaría.

134 lecturas