A Xunta potenciará a próxima semana en Chile e Arxentina as estratexias de retorno e os lazos coa comunidade galega no exterior
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, visitará Santiago de Chile o vindeiro 26 de xullo, onde asistirá á ofrenda ao Apóstolo Santiago que se celebrará no Lar Gallego da capital chilena.
A axenda continuará o 27 e o 28 de xullo en Bos Aires con distintas visitas e xuntanzas para amosar e trasladar o apoio do Goberno autonómico ás galegas e galegos neste país e nas que tamén estará o delegado da Xunta na Arxentina.
O domingo 27 o conselleiro asistirá á celebración da Gran Romaría Galega 2025, organizada polas comunidades galegas do país no Centro Galicia de Bos Aires, e ao día seguinte reunirase co cónsul xeral de España en Bos Aires, José María Ridao.
Esta viaxe enmárcase na necesidade de manter o contacto cos galegos do exterior e tamén no desenvolvemento da Estratexia Galicia Retorna, tendendo pontes con ambos países e promovendo a imaxe de Galicia como terra de oportunidades.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, viaxará a Chile e Arxentina a vindeira semana co obxectivo de afondar de primeira man nas necesidades da comunidade galega residente nestes países e de potenciar os lazos con Galicia, ademais de seguir difundindo as oportunidades de retorno e reforzando os vencellos coa diáspora.
No caso de Chile, trátase da primeira viaxe que realiza o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración a este país desde a súa chegada ao cargo e incluirá a súa participación o vindeiro sábado, 26 de xullo, na ofrenda ao Apóstolo Santiago, que se celebrará no Lar Gallego de Chile. Este é un dos eventos máis destacados desta entidade, fundada no 1967 para manter as tradicións, cultura e lingua galegas neste país e que conta con escolas de baile, canto, gaita e percusión.
A axenda institucional continuará o 27 e o 28 de xullo en Bos Aires (Arxentina) con distintas visitas, actos e xuntanzas para amosar e trasladar o apoio do Goberno autonómico ás galegas e galegos neste país. Nelas, o conselleiro estará acompañado polo delegado da Xunta en Arxentina, Alejandro López Dobarro.
Axenda en Bos Aires.
O domingo 27, o conselleiro asistirá á celebración no Centro Galicia de Bos Aires da Gran Romaría Galega 2025, evento organizado polas comunidades galegas da Arxentina e no que se enxalza a riqueza cultural e folclórica de Galicia. Este acto reafirma o compromiso da Xunta de Galicia coa súa diáspora, co obxectivo de fortalecer os lazos que unen a comunidade galega en todo o mundo.
Ao día seguinte, 28 de xullo, o conselleiro, xunto co delegado da Xunta en Arxentina, manterá un encontro co cónsul xeral de España en Bos Aires, José María Ridao, e co encargado de negocios da Embaixada de España en Bos Aires, Luis Tejada. Ambos encontros teñen como obxectivo reforzar as canles de colaboración existentes a prol do apoio ás persoas galegas residentes na Arxentina.
Compromiso coa emigración.
Esta viaxe a Chile e Arxentina enmárcase na necesidade de manter o contacto cos galegos do exterior e no desenvolvemento da Estratexia Galicia Retorna. O seu obxectivo é seguir fortalecendo as pontes entre Galicia e ambos países, así como promover a imaxe de Galicia como unha terra de oportunidades, tanto para o emprego por conta propia como allea, e para construír un proxecto de vida. Con ela, o Goberno galego tamén busca reforzar as canles de colaboración para apoiar ás persoas galegas residentes en Chile e Arxentina.
A planificación e os detalles desta visita abordáronse no marco dunha xuntanza celebrada hai uns días cos delegados da Xunta en Bos Aires e Montevideo, Alejandro Roberto López e Mª Elvira Domínguez respectivamente, cos que o conselleiro se reuniu en compañía do secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.
Novas relacionadas




