A Xunta permitiu que 900 galegas e galegos do exterior puidesen reforzar a súa formación en Galicia

O balance da Estratexia Galicia Retorna destaca que dende 2018 destináronse 8M€ para que universitarias e universitarios galegos do exterior puideran realizar un mestrado nunha das tres universidades de Galicia ou estudar un ciclo de Formación Profesional Superior.

Máis do 70% das e dos que participaron nas primeiras convocatorias están a residir e traballar na nosa comunidade autónoma.

Estas axudas forman parte das accións específicas da Estratexia Galicia Retorna que puxo en marcha a Secretaría Xeral da Emigración
Estas axudas forman parte das accións específicas da Estratexia Galicia Retorna que puxo en marcha a Secretaría Xeral da Emigración
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de decembro de 2021.

A Xunta de Galicia destinou, dende 2018 a 2021, 8 millóns de euros para bolsas formativas para mozas e mozos galegos residentes no exterior de cara a que puideran estudar un mestrado ou un ciclo de formación profesional superior, a través das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, BEME. 

Estas axudas forman parte das accións específicas da Estratexia Galicia Retorna que puxo en marcha a Secretaría Xeral da Emigración en 2018 e que se prorrogou por mor da covid-19 ao longo do presente 2021.  

Entre os datos que caben destacar que en total, ofertáronse xa 900 prazas, chegando alumnas e alumnos galegos do exterior de máis de 20 países distintos, destacando, por número de solicitudes, as procedentes de Arxentina, Venezuela, Uruguai, Brasil e Reino Unido.

Da análise da situación das e dos participantes nas primeiras convocatorias despréndese que máis do 70% están a residir e traballar en Galicia, e súa idade media sitúase arredor dos 29 anos.   

A Xunta impulsa a través desta axudas o retorno de currículos brillantes ao tempo que contribúe á fixación de poboación na Galicia territorial, co fin de axudar no regreso de máis mozas e mozos a Galicia.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles e aquelas que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumnado). 

O obxectivo das BEME é non só atraer cada ano galegas e galegos que viven fóra e que completen aquí a súa formación especializada senón que traballen en Galicia e que fixen tamén no territorio galego definitivamente a súa residencia.

Neste sentido, todas e todos os beneficiarios destas axudas contan tamén cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego. 

581 lecturas