A Xunta participa na presentación do programa formativo ‘Cultura galega e emigración’ organizado por FUNDEHSGA

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participaron na videorreunión de presentación da iniciativa.

Os tres cursos, que se desenvolven telematicamente, teñen como obxectivo abordar o mapeado cultural galego na emigración con todo o que este lles achegou tanto aos países de acollida como a Galicia.

  • Antonio Rodríguez Miranda e Valentín García, durante a presentación telemática
    Antonio Rodríguez Miranda e Valentín García, durante a presentación telemática
  • Antonio Rodríguez Miranda e Valentín García, durante a presentación telemática
    Antonio Rodríguez Miranda e Valentín García, durante a presentación telemática
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2021.

Os secretarios xerais de Política Lingüística e Emigración, Valentín García Gómez e Antonio Rodríguez Miranda, respectivamente, participaron na videorreunión de inicio do programa formativo dirixido á galeguidade no exterior que organiza FUNDEHSGA (Fundación para o Desenvolvemento Humano e Social de Galicia) e que se centra na diáspora galega.

O programa Cultura galega e emigración: a galeguidade na diáspora, que arranca estes días o seu primeiro curso e no que tamén colaboran a Universidade LiberQuaré e a Fundación Familias Mundi, conta con 238 alumnos e alumnas matriculadas, entre as que cómpre salientar 62 provenientes da Arxentina, 20 do Brasil, 10 de Venezuela, 3 de Exipto ou 90 do resto do Estado español. Estas xornadas forman parte dun programa de cursos académicos que inciden na proxección exterior da lingua e da cultura galegas, baixo o título Cultura galega e emigración: a galeguidade na diáspora.

O obxectivo deste programa formativo é abordar o mapeado cultural galego na emigración, con todo o que este lles achegou tanto aos países de acollida como a Galicia. Esta iniciativa abordará a historia e sociedade na Galicia da diáspora, o idioma e escritura galega así como as artes galegas no exterior, e o Camiño e camiños de Galicia no Mundo. Toda a información, programa académico e calendario de desenvolvemento no web https://www.fundehsga.com/formacion/.

Participaron canda os secretarios xerais na presentación o director de FUNDEHSGA e reitor da Universidade Internacional Liberquaré, Agustín Dosil, e o director científico dos cursos, Armando Requeixo.

324 lecturas