A Xunta ofrece tres novos cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade ‘online’ que poden ser de interese para galegas e galegos do exterior e retornados

Cada curso será tutelado por unha das tres escolas de ensino náutico-pesqueiro dependentes da Consellería do Mar e o período de prematrícula está aberto ata as 15:00 horas do próximo 12 de abril.

Ofértanse 60 prazas por centro, a formación será entre o 10 de maio e o 17 de xuño de 2022 e a súa duración é de 50 horas.

O período de inscrición para estes cursos está aberto ata as 15:00 horas do vindeiro 12 de abril
O período de inscrición para estes cursos está aberto ata as 15:00 horas do vindeiro 12 de abril
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2022.

A Consellería do Mar vén de convocar tres novos cursos de mariñeiro/a pescador/a na modalidade online que terán lugar entre o 10 de maio e o 17 de xuño de 2022 cunha duración de 50 horas e dos que se poderán beneficiar un total de 180 persoas. Estes cursos poden servir de formación tanto ás e aos galegos retornados que desexen dedicarse a este sector, un dos que maior demanda laboral ten na actualidade, como a aqueles galegos e galegas do exterior que desexen realizar os cursos previos ao seu retorno a Galicia.

Cada unha destas accións formativas estará titorizada por unha das tres escolas de ensino náutico-pesqueiro da Consellería, a Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol, a Escola Oficial Náutico Pesqueira de Ribeira e o Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

O período de inscrición para estes cursos, que contan con 60 prazas cada un, está aberto ata as 15:00 horas do próximo 12 de abril. A relación de persoas admitidas será establecida en función da hora e do día de prematrícula dos candidatos e candidatas. Para realizar a prematrícula será necesaria a identificación mediante o sistema de usuario e clave chave365 ou un certificado electrónico. Toda a información sobre esta oferta formativa pode consultarse no apartado de teleformación da web da Consellería do Mar.

As e os 60 admitidos en cada curso deberán matricularse no centro de ensino correspondente nun prazo de 10 días naturais a partir do día seguinte á publicación da listaxe provisional de admitidas e admitidos no portal web de formación da Consellería do Mar. Pode consultarse a documentación precisa para facelo no Anexo II da orde pola que se establecen as bases e se regula o procedemento para a obtención das titulacións de mariñeiro/a pescador/a, patrón/patroa local de pesca e patrón/patroa costeiro/a polivalente na comunidade.

Unha vez que remate o curso de teleformación realizarase un exame presencial en cada un dos centros dependentes da Consellería do Mar. Así mesmo, será necesario superar unha proba de natación o mesmo día do exame para poder presentarse á proba final. 

1402 lecturas