A Xunta mantén aberta a convocatoria do Aprol Economía Social no que se prioriza ás e aos emigrantes retornados e que outorgou en 2021 cerca de 500 axudas por máis de 4,6M€

Este programa fomenta o emprendemento e o emprego en cooperativas e sociedades laborais e forma parte das medidas transversais que integran a Estratexia Galicia Retorna da Xunta de Galicia.

A contía básica da axuda conta con incrementos do 25% de concorreren circunstancias de dificultade de acceso ao mercado laboral, como a condición de ser persoa emigrante retornada. 

A través destes apoios favorécese o autoemprego no sector ou a fixación de man de obra produtiva no territorio.

No que vai de ano, a Consellería de Emprego e Igualdade xa mobilizou 5,8 millóns de euros en axudas á economía social a través de diferentes convocatorias abertas.

O programa Aprol Econonomía Social é unha das preto de 60 medidas que integran a Estratexia Galicia Retorna
O programa Aprol Econonomía Social é unha das preto de 60 medidas que integran a Estratexia Galicia Retorna
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de abril de 2022.

A Xunta continúa apoiando en Galicia o desenvolvemento da economía social a través do programa Aprol Economía Social de fomento ao emprendemento con axudas directas ás cooperativas e sociedades laborais que supuxeron máis de 4,6 millóns de euros para un total de 474 axudas. As e os emigrantes retornados priorízanse dentro desta orde, que ten o prazo aberto ata o próximo 30 de setembro e que forma parte da Estratexia Galicia Retorna. 

Con esta iniciativa outórganse apoios directos  a cooperativas e sociedades laborais, por unha banda, e a persoas desempregadas (socias ou traballadoras destas entidades ou de empresas que se transformen nelas) , por outra, para dinamizar un sector que vén demostrando enorme resiliencia ante circunstancias económicas adversas. 

As axudas artéllanse a través de dúas liñas compatibles entre si. A primeira -destinada a fomentar o emprego en cooperativas e sociedades laborais, favorecer a constitución da entidade ou a incorporación de novas e novos socios- supuxo un investimento de case 2,5 millóns de euros o ano pasado e a concesión de 158 apoios. No caso da liña 2, que promove o acceso á condición de persoa socia, financiando as achegas económicas que estas deben desembolsar ao capital social, superou os 2,1 millóns en 2021 con 316 axudas concedidas. 

Con estas liñas, o Goberno galego fomenta a creación de emprego en cooperativas e sociedades laborais desde dúas perspectivas: a da entidade que incorpora e a da persoa que accede ao sector, polo que se acada un impulso integral.

A Xunta, a través de Aprol Economía Social, contribúe, tamén, á incorporación das persoas desempregadas ou traballadoras como socias nas cooperativas ou sociedades laborais galegas mediante a consolidación de fórmulas de autoemprego colectivo co que se avanza na xeración de emprego, na mobilización de recursos ou na corrección de desequilibrios comarcais e na fixación de man de obra produtiva, entre outros beneficios. 

O programa tamén establece a posibilidade de acceso ás axudas para aquelas cooperativas ou sociedades laborais que proceden da reconversión ou transformación de empresas mercantís, cando incorporan como socias traballadoras as persoas que tiñan unha relación laboral estable na empresa de orixe. 

A convocatoria deste 2022 xa está aberta desde o pasado xaneiro e cifra en 6.000 euros a contía básica da axuda en cada unha das liñas, con incrementos do 25% de concorreren circunstancias de dificultade de acceso ao mercado laboral, como a condición de ser persoa emigrante retornada, muller ou maior de 45 anos ou a situación en contornas rurais.  

As empresas de economía social e, singularmente, as cooperativas, teñen demostrado a súa capacidade de resistencia ás crises, de creación de emprego estable e de calidade, de vinculación co territorio e de mellora do benestar social, polo que resulta procedente activar suficientemente as súas potencialidades de emprendemento e autoemprego.

Galicia está a impulsar esta fórmula empresarial, con axudas activadas desde o inicio do ano por un total de 5,8 millóns de euros mobilizados pola Consellería de Emprego e Igualdade, entre as que ademais do programa Aprol Economía Social para 2022, se está a impulsar a contratación nas empresas de inserción laboral de persoas en risco de exclusión social (1M€); promover esta fórmula empresarial a través da Rede Eusumo (683.000 euros); e financiar os gastos de funcionamento das entidades da economía social (330.000 euros). 

214 lecturas