A Xunta destina 3,8M€ ao programa Aprol de Economía Social para o impulso de cooperativas e sociedades laborais, no que se prioriza ás e aos emigrantes retornados
A Consellería de Emprego e Igualdade vén de publicar as bases da convocatoria que prevé beneficiar a 120 cooperativas e incorporar a 250 novos socios e socias.
Este programa forma parte das medidas transversais que integran a Estratexia Galicia Retorna da Xunta de Galicia.
A Xunta continúa apoiando en Galicia o desenvolvemento da economía social a través do programa Aprol Economía Social de fomento ao emprendemento con axudas directas ás cooperativas e sociedades laborais que contan cun orzamento de máis de 3,8 millóns de euros. As e os emigrantes retornados priorízanse dentro desta orde, xa que este programa forma parte da Estratexia Galicia Retorna.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou onte, venres 21, a convocatoria destes apoios cos que se prevé beneficiar a 120 cooperativas e a incorporación de 250 novas e novos socios. As e os interesados poderán solicitar as axudas ata o próximo 30 de setembro.
O programa contempla dúas liñas de apoios compatibles entre si: a primeira, de fomento ao emprego en cooperativas e sociedades laborais, favorece a constitución da entidade ou a incorporación de novos socios e socias; e a segunda, de fomento do acceso á condición de persoa socia, fomenta o acceso á condición de persoa asociada de cada unha ou un dos seus membros, financiando as achegas económicas que deben desembolsar ao capital social.
A contía básica da axuda en cada unha das liñas ascende a 6.000 euros, con incrementos do 25% para determinados colectivos ou circunstancias que dificultan o acceso ao mercado laboral como son as mulleres, as galegas e os galegos retornados, as persoas maiores de 45 anos ou as entidades situadas en zonas rurais.
A Xunta aposta pola consolidación deste sector, que contribúe a ampliar o tecido empresarial e ten especial incidencia no medio rural. O pasado ano, a través deste programa, a Administración autonómica apoiou a 195 cooperativas e sociedades laborais e a incorporación de 360 novos socios e socias.
Novas relacionadas