A Xunta incrementa por segundo ano consecutivo as contías das BEME Máster para atraer os 250 mellores expedientes universitarios do exterior na súa nova convocatoria

O Goberno galego autorizou hoxe a nova convocatoria das Bolsas de Excelencia  Mocidade Exterior para o curso 2024/25, que buscan facilitar o regreso de universitarias e universitarios menores de 40 anos e incentivar que fixen a súa residencia e a súa actividade laboral na Comunidade autónoma.

As axudas, que sufragan viaxe, matrícula, aloxamento e manutención, aumentan unha media de 500 euros, ata acadar bolsas de entre 8.000 e 12.500 euros, en función da duración do mestrado e o continente de procedencia da persoa beneficiaria.

A Secretaría Xeral da Emigración destinará máis de 2,5 millóns a esta medida, incluída na Estratexia Retorna 2023-2026 e que con esta nova convocatoria terá ofrecido preto de 2.000 oportunidades de retorno a través dunha bolsa.

  • O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe
    O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, durante a rolda de prensa posterior ao Consello celebrado hoxe
  • Bolsas BEME 2024
    Bolsas BEME 2024
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2023.

O Consello da Xunta autorizou hoxe a convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME Máster) da Secretaría Xeral da Emigración, cuxa nova edición inclúe un aumento de 500 euros nas contías asignadas a cada unha das 250 axudas. O incremento, elevará o orzamento total desta medida ata os 2.550.000 euros, 250.000 máis (+10,87%) ca na anterior convocatoria. 

As contías das axudas BEME Máster para este curso oscilan entre os 8.000 e os 12.500 euros. Este aumento, que varía en función da duración do mestrado e da orixe xeográfica das persoas beneficiarias, busca compensar os efectos da inflación global e fortalecer o atractivo das bolsas para os titulados galegos e galegas de alto rendemento académico residentes no estranxeiro.

Estas cifras pon de manifesto o crecente esforzo financeiro da Xunta de Galicia para apoiar a educación superior e o retorno cualificado.

Esta iniciativa enmárcase na Estratexia Retorna 2023-2026, recentemente aprobada polo Goberno Galego, cuxo obxectivo é facilitar a integración e fixación da poboación galega cualificada procedente do exterior na comunidade autónoma.

Ademais do apoio financeiro, os beneficiarios e beneficiarias das bolsas contarán cunha orientación laboral personalizada. Esta axuda adicional ten como finalidade fomentar o retorno activo da poboación en idade laboral e facilitar a súa integración definitiva en Galicia, co respaldo dunha oferta académica alineada coas necesidades do tecido produtivo e laboral da nosa Comunidade Autónoma.

Para ser beneficiaria ou beneficiario destas bolsas, é necesario ser galego por nacemento ou descendente, ter residido no exterior durante polo menos dous anos, ter menos de 40 anos e estar admitido na preinscrición dun dos mestrados ofrecidos polas universidades galegas. As bolsas cubrirán non só os custos de matrícula senón tamén os gastos de viaxe, aloxamento e manutención.

Con esta nova convocatoria, a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso co talento galego no exterior, ofrecendo preto de 2.000 oportunidades de retorno ata a data actual, coa visión de fortalecer a comunidade galega a través da educación e da integración profesional.

232 lecturas