A Xunta de Galicia dálle a benvida ao alumnado de galego do instituto londinense Vicente Cañada Blanch

As e os 18 adolescentes de Londres que están en viaxe de estudos a Galicia foron recibidos polos secretarios xerais de Política Lingüística e de Emigración e mais pola directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado. 

O Instituto Español Vicente Cañada Blanch de Londres é un dos 20 centros de ensino preuniversitario de fóra de Galicia que ofrece a materia de Lingua, Literatura e Cultura Galega co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística. 

  • Imaxe do encontro desta tarde en Compostela cos rapaces e rapazas estudantes de galego no Cañada Blanch de Londres
    Imaxe do encontro desta tarde en Compostela cos rapaces e rapazas estudantes de galego no Cañada Blanch de Londres
  • Imaxe do encontro desta tarde en Compostela cos rapaces e rapazas estudantes de galego no Cañada Blanch de Londres
    Imaxe do encontro desta tarde en Compostela cos rapaces e rapazas estudantes de galego no Cañada Blanch de Londres
  • Imaxe do encontro desta tarde en Compostela cos rapaces e rapazas estudantes de galego no Cañada Blanch de Londres
    Imaxe do encontro desta tarde en Compostela cos rapaces e rapazas estudantes de galego no Cañada Blanch de Londres
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de maio de 2016.

A Xunta deulle hoxe á tarde a benvida a Galicia a un grupo de 18 estudantes de galego en Londres e dous docentes chegadas e chegados esta mesma mañá na súa 'Viaxe da Lingua 2016' para percorreren diversos lugares da nosa comunidade autónoma e coñeceren así de primeira man a nosa lingua e cultura. Na recepción institucional participaron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, e a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez Suárez.

García Gómez deulles a benvida a Galicia aos rapaces e rapazas do IE Cañada Blanch e transmitiulles que para os galegos e galegas “o voso interese polo noso idioma é un orgullo e unha alegría”, polo que agradeceu “a curiosidade intelectual que vos levou a estudalo e a confianza que amosades en que vos será de utilidade no futuro”.

Tamén incidiu neste aspecto Rodríguez Miranda, quen salientou que o Reino Unido foi un dos lugares onde “a semente da Galeguidade agromou de maneira máis salientable”, e pediulles ás mozas e aos mozos presentes que “difundades a imaxe da Galicia que estades a ver, a Galicia actual e moderna, desta terra que hoxe se enorgullece de recibirvos e abrirvos os brazos”.

Pola súa banda, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, destacou que tras a aprobación da primeira Lei de Xuventude de Galicia na pasada lexislatura, a dinamización e promoción da lingua galega entre a mocidade é un eixe prioritario da acción de goberno.

Viaxe para coñecer a realidade galega
As e os estudantes chegaron este mediodía a Galicia, onde permanecerán ata o 8 de maio. Durante a súa estadía, o alumnado de orixe galega terá ocasión de atoparse coas súas familias. Ademais, todos os alumnos e alumnas pasarán unha xornada de convivencia con estudantado do CPI Camiño de Santiago, con quen percorrerán a derradeira etapa da ruta xacobea e con quen visitarán a cidade do Apóstolo. Nos días seguintes, coñecerán diferentes lugares de interese cultural e paisaxístico das catro provincias galegas seleccionados polo propio alumnado e participarán en diversas actividades culturais e de ocio.

A viaxe de estudos -que permite mellorar as habilidades lingüísticas e o coñecemento cultural do alumnado tanto durante a fase de planificación como durante a de execución- conta co patrocinio das secretarías xerais de Política Lingüística e de Emigración da Xunta de Galicia, así como de diversas entidades privadas.

Galego en Londres
O alumnado de galego en Londres incrementouse nos últimos anos ata chegar aos 50 alumnos e alumnas matriculados hoxe nesa materia. Os intereses que achegan este estudantando ao noso idioma son variados, xa que non todos proceden de familias galegas.

Este curso académico, Begoña González tomou o relevo de Xaime Varela, profesor de lingua no IE nos últimos seis anos, e continúa levando adiante o proxecto Galego en Londres, que pretende ir alén dunha simple clase de idiomas para difundir o coñecemento e a imaxe positiva da nosa lingua fóra de Galicia ou contribuír a cohesionar arredor dela a comunidade galega en Londres. Das múltiples actividades que o integran destacan a colaboración con iniciativas externas ao centro educativo, os encontros virtuais ou presenciais con estudantado de Galicia ou os Encontros no Cañada, que levan ao instituto galegos e galegas residentes en Londres que dan testemuño dunha Galicia punteira nos eidos artístico, científico e profesional.

O proxecto Galego en Londres visibilízase a través do web Fala Londres, www.galegoenlondres.gal, que recibiu máis de 122 000 visitas desde a súa creación en setembro de 2010; da páxina de Facebook Galego en Londres, con case 6000 seguidores e seguidoras dos cinco continentes e unha media de 10.000 visitas semanais, e de Twitter, onde o perfil @GalegoEnLondres alcanza xa os 1260 seguidores e seguidoras e máis de 3050 chíos desde a súa creación en 2011.

Estudo do galego fóra de Galicia
O Cañada Blanch –xunto cos institutos cataláns do proxecto Galauda, os centros públicos do Bierzo e de Ponferrada e mais o Colexio Santiago Apóstol de Bos Aires- é un dos 20 centros educativos de fóra de Galicia que imparte docencia de lingua galega a estudantes de niveis preuniversitarios. Faino no marco dun convenio de colaboración que vén renovándose desde o ano 1991 entre a Consellería de Cultura e Educación e o Ministerio de Educación, Cultura y Deporte, entidade da que depende o centro educativo. Estes colexios responden ás demandas das e dos galegofalantes que viven no exterior e dan a coñecer o noso idioma entre a poboación de orixe non galega.

865 lecturas