O alumnado de galego do instituto londinense Cañada Blanch chega a Santiago na súa ‘Viaxe da lingua’

O secretario xeral de Política Lingüística e o subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas recibiron  hoxe ás e aos estudantes que están a visitar a Galicia para perfeccionar o seu galego e o coñecemento da nosa cultura.

Imaxe desta mañá na compostelá praza do Obradoiro
Imaxe desta mañá na compostelá praza do Obradoiro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 11 de maio de 2019.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o subdirector xeral da Emigración e das Comunidades Galegas, Antonio Casas Calviño, recibiron hoxe na praza do Obradoiro ao grupo de tres docentes e 28 estudantes de galego do IE Cañada Blanch de Londres que percorren Galicia desde o martes en viaxe de estudos patrocinado polas secretarías xerais de Política Lingüística e da Emigración. Son algo máis dun terzo dos 75 alumnos e alumnas que estudan o galego no centro educativo londiniense grazas ao convenio asinado, no ano 1991, entre a Xunta de Galicia, por medio da Consellería de Cultura e Turismo, e o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Valentín García interesouse polas experiencias vividas e polas aprendizaxes realizadas estes días polo alumnado do IE Cañada Blanch, a quen animou a seguir perfeccionando o noso idioma. “Vós estudades o galego porque comprendedes que non hai linguas pequenas e que, no mercado laboral ao que, máis cedo ca tarde, ides saír, dominar un código que pouca xente en Londres ten a oportunidade de estudar pode resultar unha vantaxe significativa”, díxolles o secretario xeral de Política Lingüística.

A ‘Viaxe da lingua’
Como cada ano, os alumnos e alumnas que estudan o galego no IE Cañada Blanch de Londres da man da profesora Begoña González chegaron á nosa comunidade para realizar a que denominan Viaxe da lingua, unha actividade que ten o obxectivo de perfeccionar, á par do seu coñecemento cultural, o do idioma propio de Galicia.

Para alcanzar estes fins, comezaron por visitar a praia das Catedrais e a cidade de Lugo coa súa muralla romana. Despois desprazáronse a Padrón para coñecer a casa de Rosalía de Castro e continuaron cara á Coruña, onde visitaron a Domus. En Santiago tiveron a oportunidade de asistir a un partido do equipo de baloncesto Obradoiro e desfrutar da gastronomía galega. Onte, participaron nunha xornada de intercambio lingüístico e cultural co alumando do IES Laxeiro de Lalín, aínda que tamén tiveron tempo para as visitar o Castro Tecnolóxico da vila pontevedresa, o Museo Etnográfico Casa do Patrón e as Termas de Outariz, en Ourense. O completo programa de actividades das e dos estudantes do IE Cañada Blanch completarase hoxe, tras o encontro co secretario xeral de Política Lingüística, cunha visita a Santiago de Compostela que incluirá a Catedral e o seu Pórtico da Gloria.

716 lecturas