A Xunta enxalza a contribución da emigración galega ao progreso socioeconómico de Galicia
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración clausurou o Encontro internacional de galegos no mundo, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid.
José González salienta o apoio autonómico ao retorno coa Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, que abarca máis de 100 medidas de axuda e acompañamento e dotada con 450 M€ para facilitar que milleiros de galegos poidan volver á comunidade.
Subliña o papel clave de entidades como Aegama na unión da experiencia internacional coas raíces galegas e no fortalecemento das relacións económicas entre Galicia e a súa diáspora.
Felicita aos empresarios galardoados no marco desta cita, ao fundador e presidente de Ecoener, Luis de Valdivia e ao socio director de Alsis Funds, David Sánchez-Tembleque, nunha gala na que participará a conselleira de Economía e Industria.
O conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, puxo hoxe de relevo o papel da emigración galega no desenvolvemento socioeconómico de Galicia, o que contribuíu, subliñou, a que hoxe sexa unha terra de oportunidades para aquelas persoas galegas do exterior que desexen retornar e achegar o seu talento ao tecido produtivo.
Así o sinalou durante a clausura do Encontro Internacional de Galegos no mundo, organizado pola Asociación de Empresarios Galegos en Madrid (Aegama) na Illa da Toxa, onde tamén lembrou que máis de medio millón de galegos residen no exterior.
En relación ao apoio do Goberno galego ao retorno, explicou que se materializa na Estratexia Galicia Retorna 2023-2026, que abarca máis de 100 medidas de axuda e acompañamento e dotada con 450 M€ para facilitar que milleiros de galegos poidan volver e desenvolver na comunidade galega o seu proxecto de vida. Isto, engadiu, converte esta folla de ruta nun referente europeo en políticas públicas neste ámbito.
Ademais, González destacou o papel clave de entidades como Aegama na unión da experiencia internacional coas raíces galegas e no fortalecemento das relacións económicas entre Galicia e a súa diáspora. Ao mesmo tempo, trasladou o apoio da Xunta ao seu labor e recoñeceu o talento empresarial galego no exterior como valor engadido para a rexión.
O encontro.
Este encontro anual organizado por Aegama é un foro estratéxico que busca tender pontes comerciais, crear alianzas e fomentar negocios transnacionais entre a comunidade galega global. Con ese obxectivo, inclúe distintas mesas redondas nas que se tratan temas relacionados co tecido empresarial galego e a súa internacionalización e reúne a destacadas figuras do ámbito institucional e empresarial. Entre outras persoas, hoxe tamén participaron nesta cita a secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais, Susana Pérez Iglesias, e o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Pablo Fernández.
Ademais, no marco deste encontro, Aegama entregará os seus recoñecementos á traxectoria de líderes empresariais orixinarios de Galicia nunha gala que terá lugar esta noite e na que participará a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana. Neste contexto, o conselleiro aproveitou a súa intervención para felicitar aos premiados; ao fundador e presidente de Ecoener, Luis de Valdivia, recoñecido como Empresario Galego do Ano en Galicia, e ao socio director de Alsis Funds, David Sánchez-Tembleque, galardoado co premio Empresario Galego do Ano no Exterior.
Novas relacionadas






