A Xunta eloxia os valores das persoas migrantes no seu Día Internacional

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2018.

Migrar constitúe unha aprendizaxe constante. O valor, a decisión e a capacidade de integración que require deixar o lugar ao que un ou unha pertence para mudar a outro, adoptar os seus costumes e respectar as súas tradicións sen esquecer as propias reflicten unha serie de valores que se elevan á categoría de virtudes. Son as que amosaron os centos de milleiros de galegos e galegas que, espallados polo mundo, levaron Galicia a todos os recunchos do planeta. Se resulta difícil atopar un país no que non habite unha galega ou un galego, máis difícil aínda é que ese galego non destaque na súa comunidade polo seu traballo, xenerosidade e honestidade.

Durante décadas, as galegas e os galegos tiveron un arma secreta co que vencer as dificultades que puideran aparecer como consecuencia dos cambios que afrontaban: a unidade. As colonias de cidadás e cidadáns galegos que se asentaron nos principais países de destino das e dos emigrantes foron chave, e aínda o son hoxe, á hora de axudar aos seus paisanos e paisanas, de procurarlles un traballo, de buscarlles un fogar, de provelos dun respaldo forte e numeroso que sempre está en caso de necesidade. 

Contar con alguén, sumar esforzos e aunar ideas é imprescindible á hora de emprender calquera tipo de viaxe para convertela nunha experiencia proveitosa, xa sexa definitiva ou temporal. Os centros galegos, os Consejos de Residentes Españoles (CRE) e as agrupacións que preservan e difunden Galicia alí onde estean constitúen desde hai décadas un seguro para aqueles que se aventuran a cambiar de lugar de residencia. 

Nos últimos anos estamos asistindo, ademais, ao incremento doutro tipo de migración, cada día máis numeroso e sempre positivo e necesario. Galicia está a recuperar a súa puxanza económica e social, e a súa evidencia reflíctese, non só nos milleiros de persoas doutras nacionalidades que elixen a nosa terra para establecerse, senón naqueles que un día partiron dela coa esperanza de volver. Para todas e todos eles, os que veñen por primeira vez e os que regresan, Galicia ten os brazos abertos e un país cheo de oportunidades. As novas xeracións, veñan de onde veñan, son as encargadas de tomar o relevo dunha terra que medra co obxectivo posto na excelencia e no talento, pero tamén no desenvolvemento das potencialidades de cada persoa dun xeito individualizado. Porque todas e todos somos necesarios.

As persoas migrantes son unha peza fundamental para todas as sociedades. A súa capacidade de aprendizaxe e asimilación, a experiencia de saír adiante absorbendo o mellor de cada cultura, e a decisión nos momentos fundamentais de cada traxectoria vital fan de todos eles e elas un modelo no que inspirarse para apreciar, non só o que temos, senón tamén aquilo que deberiamos ser. E por iso Galicia é, e sempre será, migrante e un país acolledor para todas e todos aqueles que viaxen en busca dun lugar mellor. 


Fabiola García, conselleira de Política Social

Antonio Rodríguez Miranda, secretario xeral da Emigración

543 lecturas