A Xunta destaca a importancia da coordinación da política migratoria entre as rexións europeas

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na reunión da comisión CIVEX do Comité das Rexións (CdR) da UE.

Na xuntanza, Gamallo sinalou a Gobernanza Multinivel como a vía máis idónea para xerar medidas e iniciativas que afronten con éxito estas problemáticas transnacionais.

  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na capital comunitaria na derradeira reunión da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX)
    O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na capital comunitaria na derradeira reunión da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX)
  • O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na capital comunitaria na derradeira reunión da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX)
    O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou na capital comunitaria na derradeira reunión da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX)
Listen to this page using ReadSpeaker
Bruxelas, 17 de novembro de 2014.

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou esta mañá na capital comunitaria na derradeira reunión da comisión de Cidadanía, Gobernanza e Asuntos Institucionais e Exteriores (CIVEX) do presente mandato do Comité das Rexións (CdR), que finaliza a finais de ano. A axenda da sesión estivo centrada no debate de varios proxectos de ditame referidos ao necesario papel das rexións e cidades na protección do Estado de Dereito e os dereitos fundamentais, así como no desenvolvemento dunha verdadeira política migratoria europea.

Protección multinivel do Estado de Dereito
En resposta á recente adopción por parte da Comisión Europea dun novo marco para afrontar posibles ameazas ao Estado de Dereito en calquera dos Estados membros, durante a xuntanza foi debatido e aprobado un proxecto de ditame que fai fincapé no vital papel dos entes locais e rexionais na salvagarda deste principio fundacional da UE. Jesús Gamallo remarcou nesta liña a necesidade de que a Gobernanza Multinivel sexa tomada como punto de partida para a súa protección, concedéndolle ás e aos cidadáns e ás administracións máis próximas a eles un lugar central na toma de decisións ao respecto.

Reforzando este argumento, durante a sesión as e os membros de CIVEX reivindicaron a probada eficacia das políticas “ de base local” xa en marcha en moitos outros ámbitos, e, consecuentemente, a idoneidade dos entes locais e rexionais para ser axentes de pleno dereito con responsabilidades políticas en materia de dereitos civís, políticos, económicos e sociais.

Por unha política migratoria coordinada na UE
Así mesmo, e con vistas ao seu debate definitivo no pleno do CdR que se celebrará o 3 e 4 de decembro, as e os membros de CIVEX aprobaron un proxecto de ditame que reclama máis solidariedade e coordinación entre as rexións europeas ao afrontar os fluxos migratorios e xestionar a política de asilo na UE. Destacouse neste senso, e tomando en conta a gran presión á que están sometidas determinadas áreas da xeografía europea, a necesidade de que as rexións e Estados membros repartan as obrigas derivadas, tomando en conta as limitacións estruturais, os recursos e as especificidades demográficas de cada un deles, entre outros factores relevantes. Gamallo sinalou, tamén neste eido, o principio da Gobernanza Multinivel como unha ferramenta clave para xerar iniciativas de éxito relacionadas coa integración das persoas inmigrantes, dado que son as entidades locais e rexionais e a sociedade civil as que asumen, sobre o terreo, a responsabilidade da súa acollida.

Por outra banda, o proxecto de ditame aprobado hoxe apoia a intención da Comisión Europea de reforzar a cooperación entre os Estados membros en materia de control de fronteiras a través da axencia FRONTEX, pero incide na necesidade de velar polo respecto aos dereitos humanos na loita contra a inmigración irregular, prestando atención á dimensión humanitaria deste fenómeno.

Outros asuntos da orde do día
A axenda da xuntanza completouse cun primeiro debate sobre dous proxectos de ditame referidos á estratexia de ampliación da UE para 2014-2015 e á promoción do comercio xusto dentro da UE, estando prevista a aprobación deste último en abril do vindeiro ano, con motivo da celebración en 2015 do Ano Europeo do Desenvolvemento. No marco desta reunión tivo lugar así mesmo o encontro anual coa Comisión de Gobernanza do Congreso de Poderes Locais e Rexionais do Consello de Europa.

Competencias da Comisión CIVEX
A comisión de Cidadanía, Gobernanza, Asuntos Institucionais e Exteriores do Comité das Rexións (CIVEX) é unha das seis comisións nas que se organiza o traballo do Comité das Rexións. Ten competencia en múltiples eidos como a política de inmigración e asilo, a cidadanía activa ou a cooperación descentralizada para o desenvolvemento. Galicia forma parte desta comisión e tamén da Comisión de Cohesión Territorial desta asemblea consultiva comunitaria na que están representados os entes locais e rexionais da Unión Europea.

En imaxes
651 lecturas