A Xunta amplía en máis de 343.000 euros o orzamento do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino

O investimento inicial na convocatoria deste ano era de 1,7 M€ e con esta ampliación, superará os 2 M€.

O programa apoia a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresarias constituídas por mulleres e inclúe unha liña complementaria para apoiar a conciliación da vida laboral, persoal e familiar.

A convocatoria deste ano reforza a ‘liña Activa’ destinada a axudar ás empresas que están a atravesar unha situación económica adversa que se viu agravada como consecuencia da crise sanitaria da covid-19.

O programa Emega é unha das preto de 60 medidas da Estratexia Galicia Retorna da Xunta de Galicia
O programa Emega é unha das preto de 60 medidas da Estratexia Galicia Retorna da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de agosto de 2020.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a ampliación das axudas do programa Emega para o fomento do emprendemento feminino, cun incremento de 343.368 euros, para poder atender un maior número de solicitudes.

A Xunta destinou un orzamento inicial de 1,7 millóns de euros á convocatoria deste ano, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, a través do programa operativo do FSE Galicia 2014-2020. Con esta ampliación o investimento supera os 2,1 millóns de euros.

As axudas deste programa van dirixidas a apoiar a posta en marcha, a mellora e a reactivación de iniciativas empresariais constituídas por mulleres, xunto co impulso a outras medidas para favorecer a conciliación da vida persoal, familiar e laboral e o acceso a servizos de asesoramento co obxectivo de facilitar a implantación e a consolidación de proxectos empresariais liderados e promovidos por mulleres.

O programa consolídase como unha medida para promocionar a participación das mulleres no mercado de traballo e aproveitar o seu potencial para crear novas oportunidades de negocio. A finalidade última é que aquelas mulleres que teñan unha idea poidan materializala e contribúan, ao mesmo tempo, a xerar riqueza e novos postos de traballo.

O programa Emega conta con catro liñas específicas: a ‘Emprende’, para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estable por conta propia ou allea; a ‘Innova’, para fomentar a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; a ‘ITEF’, para promocionar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres; e a ‘Activa’, con incentivos para favorecer a reactivación e a consolidación destes negocios con melloras, ampliacións ou cambios de localización que permitan paliar unha situación económica adversa.

Para acceder a esta última liña flexibilizáronse os criterios sen que se requira que o negocio teña máis de tres anos, ademais de valorarse o emprego mantido neste período. Desta forma, a Xunta pretende garantir a pervivencia das empresas cunha situación económica complicada, que se vise agravada como consecuencia da crise sanitaria do coronavirus.

O programa Emega conta ademais cunha axuda complementaria ‘Concilia’, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas súas dúas modalidades: a destinada a promotoras e para persoas traballadoras por conta allea.

Coa finalidade de minimizar os efectos que poidan ter os peches de negocios durante o confinamento nos negocios das beneficiarias do programa en edicións anteriores, a Xunta xa modificou as bases da convocatoria de 2018 para que o periodo de execución do proxecto no canto de ser un mínimo de dous anos sexa desde o súa posta en marcha ata a data de inicio do estado de alarma. Na mesma liña, o Goberno galego tamén prevé adaptar e flexibilizar as bases da convocatoria do ano pasado.

En imaxes
166 lecturas