Tradición e superstición conviven en “Trinta lumes”, a multipremiada película de Diana Toucedo, que presentou hoxe no Centro Galego de Barcelona

A cinta, que se estrea mañá en cines, obtivo sete galardóns, entre eles, o Premio da Crítica do D’A Film Festival de Barcelona, o de Filmadrid a Mellor Longametraxe Días de Cine e o de Mellor Fotografía no Festival Cinespaña de Toulouse, ademais de ser nomeada aos Gaudí e aos Fénix Awards e finalista nos Feroz. 

Tras a súa premier mundial na Berlinale 2018, pasou polo Festival de Cine de San Sebastián e outros vinte nacionais e internacionais.

  • O filme estréase mañá en salas de cine de Galicia, Cataluña e Madrid
    O filme estréase mañá en salas de cine de Galicia, Cataluña e Madrid
  • O filme estréase mañá en salas de cine de Galicia, Cataluña e Madrid
    O filme estréase mañá en salas de cine de Galicia, Cataluña e Madrid
Listen to this page using ReadSpeaker
Barcelona, 7 de febreiro de 2019.

Coa paisaxe máxica da serra do Courel de fondo, tradición e superstición conviven en Trinta lumes, película multipremiada da directora galega residente na capital catalá Diana Toucedo, que presentou está mañá no Centro Galego de Barcelona. A entidade presidida por Carlos Mandianes quixo acoller este acto, organizado por Elamedia Estudios, no seu afán por apoiar e difundir as culturas de Galicia e Cataluña e de promocionar o talento galego.

Nada en Redondela (Pontevedra), Diana Toucedo estudou o Grao de cine na Escola Superior de Cine e Audiovisuais de Cataluña (ESCAC), adscrita á Universidade de Barcelona, na especialidade de Montaxe, e o mestrado de Teoría Cinematográfica Contemporánea na Universidade Pompeu Fabra. Na súa faceta de montadora, conta con dezaseis longametraxes e foi a encargada de editar a curta Los desheredados, de Laura Ferrés, que obtivo o Goya á mellor curtametraxe documental en 2017, así como o Premio á mellor curtametraxe na Semaine de la Critique de Cannes dese mesmo ano. Dirixiu varias curtametraxes documentais e experimentais mostrados en festivais e centros artísticos e a presentada hoxe é a súa primeira longametraxe.

A cabalo entre o documental e a ficción, e con guión da propia Diana Toucedo, Trinta lumes narra a historia de Alba, unha nena de trece anos dunha aldea do Courel que, xunto co seu amigo Samuel, entran en casas abandonadas, intérnanse nunhas montañas que agochan outro mundo paralelo e percorren pobos destruídos, atraídos polo descoñecido e polo desexo de descubrir o misterio da loita entre a vida e a morte. En palabras da directora, a película pretende “indagar na nosa gran capacidade para sentir aquelo que non captamos coa mirada, pero si a través dos demais sentidos”.

Premios e festivais
A cinta, que se estrea mañá en cines, obtivo sete galardóns, entre eles, o Premio da Crítica do D’A Film Festival de Barcelona, o de Filmadrid a Mellor Longametraxe Días de Cine e o de Mellor Fotografía no Festival Cinespaña de Toulouse, ademais de ser nomeada aos Gaudí e aos Fénix Awards e finalista nos Feroz. En Galicia, acadou o Premio do Público no festival Novos Cinemas de Pontevedra e o do xurado no Primavera de cine de Vigo.

Así mesmo, desde a súa primeira presentación no Festival Internacional de Ourense e tras a súa premier mundial na Berlinale 2018, pasou polo Festival de Cine de San Sebastián e por outros vinte nacionais e internacionais, tales como o FIDBA de Arxentina, o Camerimage de Polonia, o Doc’s de Lisboa, o Sao Paulo International Festival de Brasil, o Foro Internacional de Cine da Cineteca Nacional de México, o Directed by Women Film Festival de Madrid ou L’Alternativa, de Barcelona.

 

Fonte e fotos: Centro Galego de Barcelona

537 lecturas