Un total de 1.600 maiores galegos residentes en Río de Xaneiro beneficiaranse de axudas da Xunta para prestación social

A Conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, asinaron onte dous protocolos de colaboración coa Peña Galega da Casa de España e coa Sociedade Recreio dos Anciaos.

O investimento do Goberno galego, un total de 60.000 euros, servirá para desenvolver actuacións de apoio relativas ao persoal encargado das tarefas de prestación dos servizos de atención sociosanitaria.

Mato destacou que a Xunta está “firmemente comprometida” coa emigración galega para garantir que conte cos servizos sociosanitarios básicos.

Listen to this page using ReadSpeaker

A Consellería de Traballo e Benestar e a Secretaría Xeral da Emigración destinarán un total de 60.000 euros para a prestación de necesidades socio-asistencias básicas en entidades de Brasil. Un total de 1.600 maiores galegos residentes nesta localidade beneficiaranse destas axudas.

En concreto, a titular de Benestar, Beatriz Mato, e o responsable de Emigración, Santiago Camba, asinaron onte dous protocolos de colaboración coa Peña Galega da Casa de España e coa Sociedade Recreio dos Anciäos, ambas de Río de Xaneiro. Este protocolos servirán nun futuro para asinar cadanseu convenios de colaboración.

Por unha banda, o Goberno galego investirá 40.000 euros á Peña Galega da Casa de España para levar a cabo actuacións de apoio relativas ao persoal encargado das tarefas de prestación dos servizos de atención sociosanitaria e para promover accións que favorezan a realización pola entidade de programas de saúde e integración deste colectivo.

Así mesmo, fomentarase o desenvolvemento de accións formativas dirixidas á poboación sobre o dereito a saúde e sobre calquera outro aspecto de interese relacionado coa promoción, prevención e educación para a saúde.

A Peña Galega da Casa de España é unha entidade sen ánimo de lucro que agrupa actualmente a preto de 1.350 emigrantes galegos, sendo a principal entidade galega de Río de Xaneiro. Na actualidade, este colectivo está a levar a cabo unha importante política social asistencial orientada a facer efectiva a mellora da calidade de vida das persoas maiores pertencentes á colectividade galega.

Nas súas instalacións, A Peña Galega da Casa de España xestiona e administra un centro de día no que proporciona aos emigrantes galegos actividades sociais, culturais, recreativas, asistencias e sanitarias.

Por outra lado, a Xunta destinará 20.000 euros á Sociedade Recreio dos Anciaos de Río de Xaneiro para apoiar a atención socio sanitaria dos membros desta entidade e fomentar a realización de accións de sensibilización á poboación sobre as necesidades deste colectivo, entre outras actuacións.

A Sociedade Recreio dos Anciaos na actualidade conta con 250 prazas para maiores. É unha entidade benéfica creada no ano 1940, destinada a acoller persoas maiores de forma temporal ou permanente de xeito gratuíto dando prioridade aos españois necesitados e persoas maiores. Neste centro, ofrécese ás persoas que acolle alimentación, vestiario e servizos médicos mellorando, así, o aspecto social, emocional e pxicolóxico.

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, destacou, en representación do Goberno galego, que “a Xunta está firmemente comprometida co benestar das persoas e, neste caso, coa emigración galega para garantir que conte cos servizos que tamén reciben as persoas maiores que residen en Galicia”.

Así mesmo, a titular do departamento autonómico indicou que os dous protocolos de colaboración asinados recollen “os posibles canles para apoiar as prestacións nos centros” e afirmou que “a Xunta mantén unha cooperación e contacto constante coas dúas entidades na posta en marcha dos seus programas sociosanitarios”.

 

Fotos: Galicia en el Mundo

1639 lecturas