As solicitudes das bolsas BEME destinadas aos galegos e galegas do exterior para estudar másteres en Galicia aumentaron este ano un 12%

A Secretaría Xeral da Emigración recibiu solicitudes para estas axudas formativas dende 35 países de tódolos continentes.

Arxentina dispara o número de galegas e galegos universitarios do exterior interesados nestas axudas, seguidos de Brasil, Cuba, Uruguai, Venezuela, Reino Unido, México, Alemaña, Portugal e Suíza.  

Como curiosidade, presentáronse solicitudes dende Australia, Aruba, Cabo Verde, Finlandia e Marrocos.

Presentáronse un total de 532 candidaturas, fronte ás 470 do ano pasado
Presentáronse un total de 532 candidaturas, fronte ás 470 do ano pasado
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de maio de 2022.

A Secretaría Xeral da Emigración pechou este ano o prazo de solicitude de Bolsas Excelencia Mocidade Exterior, BEME cun 12% máis de candidatas e candidatos presentados, ata chegar aos 532, fronte aos 470 do ano anterior. As solicitudes chegaron dende 35 países de tódolos continentes. 

Na actual convocatoria, ademais, destaca que o 81% de todas e todos os galegos universitarios do exterior que iniciaron os trámites de presentación desta axuda, que permite realizar un máster nunha das tres universidades galegas, completaron a súa solicitude, fronte ao 68% do ano pasado.

Por países, cabe destacar que Arxentina disparou o número de solicitudes, pasando das 225 en 2021 ás 302 presentadas para o curso 2022/23. Por número de demandantes, os países que presentaron máis candidatas e candidatos foron, posteriormente: Brasil, Cuba, Uruguai, Venezuela, Reino Unido, México, Alemaña, Portugal e Suíza. Como curiosidade, tamén chegaron solicitudes dende países coma Australia, Aruba, Cabo Verde, Finlandia ou Marrocos.

Estas bolsas destínanse a galegas e galegos universitarios residentes fóra de Galicia dende fai máis de dous anos ou descendentes de galegas e galegos con titulación superior que desexen realizar un dos másteres que ofertan a UVigo, a USC e a UDC en calquera dos seus campus.   

O obxectivo destas bolsas é que estes mozas e mozos poidan completar a súa formación universitaria o que lles podería permitir quedar a traballar e vivir en Galicia. 

Todos os beneficiarios e beneficiarias destas axudas contarán, un ano máis, cunha orientación laboral coa que se pretende non só captar para Galicia o talento máis brillante de entre os mozos e mozas residentes fóra fomentando o retorno da poboación activa laboral, senón tamén facilitarlles o seu establecemento definitivo na comunidade. A oferta céntrase en estudos con capacidade de absorción no tecido produtivo e laboral galego.

A bolsa, cuxo importe é de 7.000 ou 7.650 euros (segundo a persoa beneficiaria proceda de Europa ou do resto do mundo) por curso completo de 60 créditos ECTS, destínase a cubrir os gastos de matrícula, viaxe, aloxamento e manutención na Galicia territorial. Aqueles e aquelas que se matriculen nun curso de maior duración (90 créditos) disporán dun orzamento total de entre 10.500 ata 11.475 euros (en función do continente de procedencia do alumnado).  

Con esta nova convocatoria o Goberno galego terá ofrecido entre 2017 e 2022, incluíndo as equivalentes de FP, a posibilidade de retornar a un total de 1.150 mozas e mozos galegos do exterior no ámbito universitario. 

325 lecturas