A Secretaría Xeral da Emigración apoiou de modo directo a máis de 1.000 familias no retorno a Galicia durante o 2019

O programa de axudas extraordinarias facilitou o retorno a Galicia de 790 familias; grazas ás BEME, preto de 170 alumnas e alumnos están a cursar este ano un máster nalgunha das tres universidades galegas ou un ciclo de FP; e a liña para emprendedoras e emprendedores retornados permitiu chegar a case 60 familias.

Investíronse máis de 3 millóns de euros acadándose unhas cifras de apoio que supoñen chegar a máis do 30% dos máis de 7.000 cidadás e cidadáns galegos que volveron á comunidade durante o último ano rexistrado.

Case o 60% das e dos retornados a través destes programas asentáronse en zonas rurais de Galicia grazas aos maiores incentivos cos que contan neste suposto.

Imaxe de arquivo do acto de entrega de diplomas ás mozas e mozos beneficiarios das BEME no curso 2018-2019
Imaxe de arquivo do acto de entrega de diplomas ás mozas e mozos beneficiarios das BEME no curso 2018-2019
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 21 de xaneiro de 2020.

A Secretaría Xeral da Emigración apoiou de modo directo, a través dos seus programas da área de retorno, a máis de 1.000 familias no retorno a Galicia durante o ano 2019. “O retorno é a nosa gran aposta, e as cifras indícannos que imos polo bo camiño”, salienta o titular do departamento autonómico, Antonio Rodríguez Miranda, quen valora que, deste xeito, o Goberno galego segue a contribuír á crecente alza das cifras de retorno a Galicia.

Desagregando as actuacións, obsérvase que o programa de axudas extraordinarias facilitou o retorno de 790 familias; grazas ás Bolsas Excelencia Mocidade Exterior - BEME, preto de 170 alumnas e alumnos están a cursar este ano un máster nalgunha das tres universidades galegas, ou un ciclo de Formación Profesional; e a liña para emprendedoras e emprendedores retornados permitiu chegar a case 60 familias que teñen posto en marcha unha nova iniciativa empresarial na comunidade. 

En total, destináronse máis de 3 millóns de euros a estes programas contribuíndo a que Galicia siga a mellorar as súas cifras de retorno. Non en van, esas máis de mil familias galegas –cunha media de dúas persoas por unidade familiar- que recibiron apoio de modo directo supoñen máis do 30% das e dos máis de 7.000 retornadas e retornados durante o 2018, último ano completo rexistrado ata o de agora e o mellor da última década no que a retorno se refire. 

“As cifras do primeiro semestre do 2019 consolidan as do anterior exercicio, e son un estímulo para seguir traballando. Desde a Secretaría Xeral, ademais deste apoio directo a máis de mil familias, temos consolidado a nosa aposta polo retorno con outras actuacións moi importantes, como a ampliación da Oficina Integral de Asesoramento e Seguimento ao Retorno, que recibiu máis de oito mil solicitudes de información o último ano, e que por primeira vez na historia conta con sede nas catro provincias galegas. Se o século XX foi o da emigración, traballamos para que o XXI sexa o do retorno”, expón Rodríguez Miranda. 

Así mesmo, cómpre salientar que preto do 60% das e dos retornados a través destes programas asentáronse en zonas rurais de Galicia grazas aos maiores incentivos cos que contan estes supostos. “As nosas liñas de retorno cobren tres áreas fundamentais: a social, a económica e a educativa. Pero ao mesmo tempo estamos a traballar, establecendo as medidas necesarias, no impulso da repoboación do noso rural”, incide o secretario xeral. 

Estes programas de apoio directo ao retorno da Secretaría Xeral da Emigración encádranse na Estratexia Retorna 2020 que está a promover a Xunta, e que ten como obxectivo que máis de 20.000 cidadás e cidadáns galegos volvan a Galicia no período 2018-2020. 

Para acadar este obxectivo, a Estratexia suma 235 millóns de euros, dos que 220 son transversais implicando á maioría dos departamentos do Goberno galego. Neste sentido, cómpre salientar que agora mesmo están abertas catro liñas da Consellería de Economía, Emprego e Industria que priorizan o emprego entre as retornadas e retornados; outro programa da Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional que facilita apoios ás e aos estudantes retornados para cursar os seus estudos universitarios de grao; ou a Tarxeta Benvida, promovida pola Consellería de Política Social e tamén a disposición dos fillos e fillas de retornados galegos e galegas. 

708 lecturas