A Secretaría Xeral da Emigración amplía o prazo de solicitude das Axudas ao Retornado Emprendedor para dar máis facilidades no complicado contexto da covid

O DOG publica hoxe a ampliación desta oitava convocatoria, cuxos apoios se poden pedir agora ata o 30 de outubro.

Cada beneficiario ou beneficiaria pode recibir ata 8.000 euros para cubrir os gastos de establecemento do negocio.

Ata o de agora téñense recibido máis de 70 solicitudes, polo que a ampliación abre a porta tamén ao incremento do orzamento dun programa que este ano xa multiplicaba por dous o seu presuposto inicial, chegando aos 400.000 euros.

Imaxe de arquivo dun dos proxectos empresariais postos en marcha grazas ás Axudas ao Retorno Emprendedor
Imaxe de arquivo dun dos proxectos empresariais postos en marcha grazas ás Axudas ao Retorno Emprendedor
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2020.

A Secretaría Xeral da Emigración vén de ampliar o prazo de solicitude das Axudas ao Retornado Emprendedor. A prórroga, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia, prolonga ata o 30 de outubro o período para solicitar estes apoios co obxectivo de chegar ao maior número posible de emprendedoras e emprendedores galegos que regresaron nos últimos dous anos á súa terra de orixe implantando aquí o seu negocio, dándolles maiores facilidades de acceso no complicado contexto da covid-19. 

Ata o momento, xa se teñen superado as 70 solicitudes, polo que a ampliación abre a porta tamén ao incremento do orzamento destinado a un programa que este ano xa multiplicaba por dous o seu presuposto inicial, chegando aos 400.000 euros.

Esta liña ten permitido ata a data a posta en marcha de máis de 200 novos negocios empresariais. Dirixida a emprendedoras e emprendedores rexistrados como autónomos, sociedades mercantís e laborais, e cooperativas de traballo, priorízase o emprego feminino e a implantación dos negocios no rural, podendo chegar a recibir cada persoa beneficiaria ata 8.000 euros.

Así, as axudas están dotadas dunha contía fixa de 5.000 euros para cada persoa retornada emprendedora, que poderá incrementarse en 1.000 euros máis se se trata dunha muller, e noutros 2.000 se, ademais, o negocio se establece nun concello rural. 

Para acadar unha destas axudas, as e os solicitantes deberán aportar un plan de negocio empresarial que conte cun informe de viabilidade económica e financeira de entidade independente, entre os cales figuran a unidade de Galicia Emprende e as e os axentes de emprego e desenvolvemento local, segundo se recolle nas bases da convocatoria.

Regreso nos dous anos anteriores
A este programa da Xunta de Galicia poderán acollerse os galegos e galegas de nacemento, as e os seus cónxuxes ou persoas cunha unión análoga á conxugal e as e os descendentes das persoas galegas e nacidas en Galicia que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega. 

As e os solicitantes deberán, ademais, estar en posesión da nacionalidade española antes do seu retorno a España, que debeu producirse desde o 1 de xaneiro de 2018. Deberán residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional en Galicia e non ter sido beneficiarias ou beneficiarios desta axuda para a mesma actividade en anteriores convocatorias. 

En caso de tratarse de persoas traballadoras autónomas ou por conta propia ou socias traballadoras de sociedades laborais, mercantís ou de cooperativas de traballo asociado, deberán ser titulares dun negocio ou explotación ou formar parte dunha sociedade civil ou comunidade de bens constituída previamente á presentación da solicitude de subvención e estar dada ou dado de alta no réxime correspondente da Seguridade Social ou mutualidade do colexio profesional que corresponda con anterioridade á presentación da solicitude.

En imaxes
245 lecturas