Subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas galegas retornadas e dos/as seus/súas descendentes na Comunidade Autónoma Galega para o ano 2020

Listen to this page using ReadSpeaker
13512 lecturas
Información e instrucións para a cumprimentación de solicitudes.
Resolución da convocatoria: 
Resolución do 22 de maio de 2020, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas galegas retornadas e dos seus descendentes, e se procede á súa convocatoria para o ano 2020.
Entidade: 
Secretaría Xeral da Emigración
Data de publicación: 
04.06.2020
Estado: 
Procedemento pechado

Obxecto:
Promover o retorno das persoas galegas retornadas a través do fomento do autoemprego e a actividade emprendedora das persoas galegas retornadas e dos/as seus/súas descendentes na Comunidade Autónoma galega, subvencionando o seu establecemento como traballadores/as autónomos/as ou por conta propia, ou como socios/as traballadores/as de sociedades mercantís, laborais ou cooperativas de traballo asociado.

Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas, que residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:

  1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.
  2. Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.

Requisitos

  1. Requisitos comúns.
    Todas as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos:
    a) Acreditar a condición de persoa beneficiaria de acordo co disposto no apartado anterior.
    b) Estar en posesión da nacionalidade española antes do retorno a España.
    c) Que a data do retorno a España sexa desde o 1 de xaneiro de 2018, incluído.
    d) Residir e exercer a súa actividade laboral ou profesional na Comunidade Autónoma de Galicia.
    e) Non ter sido beneficiaria desta axuda  ao abeiro de anteriores convocatorias.
    f) Non incorrer en ningunha das circunstancias e prohibicións para obter a condición de beneficiario/a de subvencións enumeradas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
  2. Requisitos específicos.
    Ademais dos requisitos comúns, as persoas solicitantes deberán cumprir os seguintes requisitos, segundo se trate de traballadores/as autónomos/as ou por conta propia ou socios/as traballadores/as de sociedades mercantís, laborais ou de cooperativas de traballo asociado.

2.1 Traballadores/as autónomos/as ou por conta propia:
a) Ser titular dun negocio ou explotación ou formar parte dunha sociedade civil ou comunidade de bens. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
b) Estar de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia ou en mutualidade do colexio profesional que corresponda, no período ao que se refire o punto c) do apartado de requisitos comúns e, en todo caso, con anterioridade á presentación da solicitude. 
c) Estar de alta no Censo de actividades económicas da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

2.2. Persoas socias traballadoras de sociedades mercantís, laborais ou cooperativas de traballo asociado:
a) As entidades deberán estar legalmente constituídas e inscritas no Rexistro Mercantil ou no Rexistro Administrativo de Sociedades Laborais de Galicia ou no Rexistro de Cooperativas de Galicia, segundo o caso.
b) Estar de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade do colexio profesional no período ao cal se refire o punto 1.c) e, en todo caso, con anterioridade á presentación da solicitude.
c) Estar de alta no Censo de Actividades Económincas da Axencia Estatal de Administración Tributaria.

Contía  da subvención:
Para promover a creación e o desenvolvemento do autoemprego das persoas galegas retornadas e os/as seus/súas descendentes que se establezan na Comunidade autónoma galega, establécese unha contía da subvención de  5.000 euros.

O importe da subvención incrementarase no caso de concorrer as seguintes situacións e nos seguintes importes, que serán acumulables:

a) No caso de que a persoa solicitante sexa muller: 1.000 euros.
b) No caso de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste)  estea situado nun concello rural: 2.000 euros.

O importe máximo da subvención concedida ao abeiro desta convocatoria será de 8.000 euros.

FORMULARIOS DE TRAMITACIÓN DAS SOLICITUDES: picar aquí para acceder á Sede Electrónica

 

Outra documentación para descargar:

Lugar de presentación da documentación:

  1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través  do formulario normalizado (anexo I)  dispoñible  na sede  electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.
  2. Para presentar as solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismo de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluíndo o sistema de usuario e clave Chave 365 (https://sede.xunta.gal/tramites-e-servizos/chave365).
  3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, a Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada.
  4. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica.
  5. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
Finalización do prazo de presentación de solicitudes: 
30.10.2020