Román Rodríguez destaca que o disco 'Son galego, son cubano' narra a emigración "a través dun dos persoeiros que mellor a coñeceu: Neira Vilas"
O conselleiro de Cultura e o secretario xeral da Emigración participaron na presentación deste proxecto, promovido polo músico Roi Casal e polo finado escritor galego, e no que se deron cita recoñecidas figuras do mundo da cultura cubana.
O titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia subliñou que, con esta iniciativa, se afonda na faceta do Neira Vilas compositor, así como nos lazos que seguen unido a comunidade galega coa illa caribeña.
A estrea do traballo desenvolveuse na Habana, onde clausurou o XI Consello de Comunidades Galegas.
- Antonio Rguez. Miranda (primeiro pola dereita), Roi Casal (segundo), Román Rodríguez (terceiro) e Valentín García (cuarto), durante a presentación do disco
- A estrea deste traballo desenvolvérase cun concerto na Habana, onde clausurou o XI Consello de Comunidades Galegas
- A estrea deste traballo desenvolvérase cun concerto na Habana, onde clausurou o XI Consello de Comunidades Galegas
- A estrea deste traballo desenvolvérase cun concerto na Habana, onde clausurou o XI Consello de Comunidades Galegas
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, destacou que o disco ‘Son galego, son cubano’ é un proxecto “único”, pois “une a modernidade coa tradición e nos achega ao mundo da emigración da man dun dos persoeiros que mellor a coñeceu: Xosé Neira Vilas”. Así o subliñou con motivo da presentación do proxecto ideado polo músico Roi Casal e polo finado escritor galego, no que tamén participaron recoñecidas e recoñecidos persoeiros do mundo da cultura cubana, coma o compositor Pablo Milanés, a cantante Laritza Bacallao e a cineasta Natasha Vázquez.
Esta colaboración demostra, en palabras do conselleiro, que a ponte entre Galicia e Cuba segue vixente. Unha ponte que, tal e como sinalou, axudou a construír Neira Vilas, tanto desde o país caribeño como desde a Comunidade galega. Neste sentido, afirmou que “Galicia non podería entenderse sen a emigración galega, sen Cuba e sen Xosé Neira Vilas”.
Ademais do conselleiro, no acto tamén participaron o compositor Roi Casal; o cónsul de Cuba en Galicia, José Antonio Solana; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o presidente da Fundación Xosé Neira Vilas, Xosé Luís Reimóndez Fernández; o alcalde de Vila de Cruces, Jesús Otero; o responsable de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra, Xosé Leal Fariña; o concelleiro de Cultura e Lingua de Cambados, Víctor Caamaño Rivas.
Unha ducia de cancións e un documental
Tal e como destacou Román Rodríguez, con esta iniciativa, Roi Casal achega ao público xeral unha faceta do senlleiro escritor de Gres pouco coñecida, a de compositor. En concreto, ‘Son galego, son cubano’ está composto por unha ducia de cancións, nas que o artista lle pon voz e música a algúns dos poemas de Neira Vilas.
O concerto inaugural tivo lugar no Gran Teatro da Habana os pasados 27 e 28 de maio, coincidindo co XI Consello de Comunidades Galegas e acadou un éxito indiscutible, posto que se esgotaron as entradas para os dous pases en apenas 24 horas. Agora, Roi Casal e a súa banda, integrada por dez músicos e tres parellas de bailaríns, comezarán a súa xira de grandes concertos nas principais cidades e vilas de Galicia.
A maiores do disco, esta particular homenaxe a Neira Vilas e á emigración galega en Cuba complétase co documental A Illa dos Galegos, realizado pola cineasta cubana Natasha Vázquez. Trátase dunha fita que narra a emigración galega na illa a través das cancións do disco e na que aparece, ademais de diferentes historiadores, o propio Neira Vilas.
Novas relacionadas