Publicadas as axudas individuais para galegos e galegas no exterior en situación de alta precariedade, que acadan os dous millóns de euros

Esta actuación da Secretaría Xeral da Emigración paliou a situación de case 7.700 familias galegas no Exterior durante o ano 2013.

A consolidación da cifra destinada a estas axudas é unha nova mostra da aposta do Goberno galego polo investimento social.

Emigración subvenciona con esta liña as necesidades básicas de subsistencia e atención socio sanitaria dos galegos e as galegas en situación económica máis delicada.

O grao de dependencia, a gravidade das enfermidades e os seus tratamentos, os ingresos económicos, e a idade da persoa solicitante, así como as cargas familiares, son os criterios básicos de valoración.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2014.

O Diario Oficial de Galicia publica na súa edición de hoxe a resolución pola que se establecen as bases reguladoras das axudas económicas individuais a galegos e galegas residentes no exterior para o exercicio de 2014, en réxime de concorrencia non competitiva, e dirixida ás e aos emigrantes de orixe galega, e a determinadas persoas familiares residentes no estranxeiro, que acrediten atoparse en situación de alta precariedade económica.

Estas axudas están destinadas a cubrir as necesidades básicas de subsistencia e atención socio sanitaria, e segundo establece a resolución, e o prazo para se poder acoller a elas rematará o 30 de novembro. Para a concesión das axudas previstas na disposición destínanse 2.000.000 euros, de fondos da Secretaría Xeral da Emigración, que dirixe Antonio Rodríguez Miranda.

Ao longo de 2013, presentáronse un total de 8.029 solicitudes, das que o 95’9 por cento (7.698) recibiron contestación afirmativa por parte da Xunta. O país no que reside o maior número de persoas beneficiarias é Cuba, seguido por Arxentina, Uruguai e Venezuela.

Tipos de axuda
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as persoas que demostren -segundo se recolle na propia resolución- carecer de rendas, ingresos ou patrimonio suficientes para a subsistencia, e cumprir os requisitos de necesidade estipulados en de cada tipo de axuda.

A convocatoria hoxe publicada abrangue sete tipos de axuda. As primeiras son aquelas por unidade familiar en situación de precariedade; as segundas por situación de dependencia ou enfermidade grave do solicitante; as terceiras por situación de dependencia ou enfermidade grave no seo da unidade familiar; as cuartas por invalidez ou enfermidade permanente; as quintas por cobertura de medicamentos e tratamentos de enfermidades crónicas ou graves cando teñan un custo elevado; as sextas para as mulleres que sufran violencia de xénero; e as últimas para paliar unha situación de desemprego na unidade económica familiar.

De maneira xenérica, a contía da axuda mínima estipúlase en 150 euros, e a máxima en 800 euros, dependendo de diversos criterios de avaliación, e en función de se o país no que reside a ou o emigrante ten asinado ou non convenio en materia de Seguridade Social con España.

En calquera caso, unicamente poderá solicitarse unha axuda por feito causante, e cada solicitante poderá pedir unicamente unha axuda por un único suposto. Asemade, as axudas non orixinan ningún dereito subxectivo para os beneficiarios e beneficiarias, e estarán condicionadas á dispoñibilidade orzamentaria.

As solicitudes, xunto co resto da documentación necesaria para cada caso, poderán presentarse utilizando a sede electrónica da Xunta, https://sede.xunta.es. Como alternativa, contémplase que tamén se poidan presentar na propia Secretaría Xeral da Emigración (Rúa Basquiños, 2. 15704 Santiago de Compostela), nas delegacións da Xunta en Bos Aires e Montevideo, nas seccións consulares correspondentes, así como en seis entidades colaboradoras de Brasil (4), Cuba (1), e Venezuela (1).

Criterios de valoración
A disposición establece como criterios xenéricos de valoración e baremo o grao de dependencia, a gravidade das enfermidades padecidas, os ingresos económicos, e a idade do solicitante, así como as cargas familiares, todos eles demostrables documentalmente. Estipúlase a documentación xustificativa en cada caso, e un prazo de resolución que en ningún caso poderá superar os seis meses.

A resolución hoxe publicada é unha mostra máis da aposta do Goberno galego por apoiar e dar pulo, na medida do posible neste contexto de fonda crise económica, a un sector da poboación ao que se debe por xustiza histórica especial atención.

1176 lecturas