Presentouse "A emigración galega a América do Sur", o primeiro volume dunha serie que estuda o fenómeno da nosa diáspora

Trátase do primeiro volume dunha serie, escrita por especialistas e cunha abundante presenza gráfica, que conta a historia da diáspora galega.

A obra está coordinada por Pilar Cagiao, profesora do Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela

Os vindeiros volumes presentarán a emigración a España, a Europa, a Norteamérica e Centroamérica e Galegos no mundo.

No acto tamén estiveron presentes o editor de Hércules de Ediciones, Francisco Rodríguez Iglesias, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

A obra está dispoñible en cadansúa edición en galego e castelán.

"A emigración galega a América do Sur" é o primeiro dos volumes deste estudo coordinado pola profesora da USC Pilar Cagiao e editada por Hércules Ediciones
"A emigración galega a América do Sur" é o primeiro dos volumes deste estudo coordinado pola profesora da USC Pilar Cagiao e editada por Hércules Ediciones
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 13 de decembro de 2013.

Hércules de Ediciones presentou no Consello da Cultura Galega a súa nova serie A emigración galega, unha colección de volumes de gran formato, escritos por especialistas e cunha abundante presenza gráfica que contan a historia da diáspora galega. O volume co que se presentou a colección é A emigración galega a América do Sur, coordinado pola profesora do Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela, Pilar Cagiao Vila. Os vindeiros volumes presentarán a emigración a España, a Europa, a Norteamérica e Centroamérica e Galegos no mundo.

O libro, que está dispoñible en cadansúa versión en galego e en castelán, esmiuza o periplo de milleiros de familias separadas por un Océano que lles prometía unha vida mellor. E de que xeito os primeiros emigrados e emigradas reclamaron despois a familiares e ás e aos seus veciños, constituíndo auténticas cadeas que permitiron a inserción social e laboral da maioría dos novos e das novas emigrantes.

O asociacionismo galego (irmandades, centros galegos, amizades dunha localidade...), a solidariedade e as relacións de paisanaxe, a importancia da emigración feminina, as e os exiliados ou a integración nos países de acollida son aspectos fundamentais que este tomo analiza polo miúdo ao longo de oito capítulos, centrados na Arxentina como primeiro destino, seguida de Uruguai, Brasil, Venezuela, Perú, Chile ou Ecuador.

No acto de presentación da obra tamén estiveron presentes o editor de Hércules de Ediciones, Francisco Rodríguez Iglesias, o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares Paz, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

 

 

Fonte: Consello da Cultura Galega e Hércules de Ediciones | Foto: Hércules de Ediciones

 

 

En imaxes
1094 lecturas