As persoas procedentes de zonas con alta incidencia epidemiolóxica da covid-19 deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias

Esta medida terá carácter obrigatorio para todas as persoas que proveñan ou estiveran nos últimos 14 días en zonas con alta incidencia epidemiolóxica, independentemente de que sexan residentes na Comunidade ou non.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2020.

O Consello da Xunta acordou que todas as persoas que cheguen a Galicia procedentes de territorios con alta incidencia epidemiolóxica pola covid-19 deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias, independentemente de que sexan residentes na Comunidade ou non.

En concreto, esta medida, aprobada no Consello do 23 de xullo, ten carácter obrigatorio para todas as persoas que proveñan ou estiveran nos últimos 14 días en zonas con alta incidencia epidemiolóxica e terá carácter voluntario para as que proveñan dun lugar sen incidencia epidemiolóxica complexa. Ademais, Feijóo precisou que, dependendo do lugar de onde veña a persoa, poderíaselle facer a PCR sen síntomas.

Para proporcionar esta información, poderase cubrir un formulario que está dispoñible na web do Sergas habilitada como consecuencia do virus (coronavirus.sergas.gal) ou subministrar os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. Desde a súa chegada a Galicia, as persoas terán 24 horas para comunicar os seus datos de contacto.

Pola súa banda, a Consellería de Sanidade publica quincenalmente a listaxe de territorios considerados de alta incidencia, que poderán ser tanto países estranxeiros coma outras comunidades autónomas.

Así mesmo, facilitarase a todos os viaxeiros e viaxeiras un contacto por se tivesen algún tipo de sintomatoloxía: a través da ou do seu médico de cabeceira se son residentes con tarxeta sanitaria en Galicia; ou a través do número de teléfono anteriormente citado para aquelas e aqueles que non dispoñan dela.

Tamén se lles proporcionará información e recomendacións sanitarias. No caso de persoas vulnerables, con problemas respiratorios ou con calquera sintomatoloxía, procederase a facer unha PCR.

Os establecementos de aloxamento turístico estarán obrigados a informar desta medida ás e aos seus clientes; así como ás e aos responsables de axencias de viaxe, operadores turísticos, compañías de transporte aéreo, marítimo ou terrestre. Deberán facelo tamén as empresas que despracen aos seus traballadores e traballadoras por motivos laborais.

O presidente da Xunta en funcións explicou que o obxectivo é conseguir un diagnóstico precoz para protexer tanto aos galegos e galegas como ás persoas que nos visiten.

En imaxes
212 lecturas