O presidente da Xunta sinala que o principal obxectivo da súa viaxe a Arxentina é manter os lazos da cultura galega

Alberto Núñez Feijóo inicia mañá a súa viaxe a Arxentina, logo da súa estadía en Salvador de Bahía (Brasil).

O mandatario galego manterá unha xuntanza con mozos e mozas descendentes de galegos aos que lles pedirá que manteñan viva a semente da galeguidade e da cultura galega.

Listen to this page using ReadSpeaker
7 de decembro de 2009.

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe que o principal obxectivo da súa viaxe a Arxentina, a onde chegará mañá logo da súa estadía en Salvador de Bahía (Brasil), é “manter vivos os lazos da cultura galega, os lazos con Galicia e o espírito da colectividade”.

Alberto Núñez Feijóo estará os próximos dous días en Bos Aires, unha viaxe que, nas súas propias palabras, servirá para “render un compromiso de afecto” coa colectividade galega emigrante que reside en Arxentina e para afondar nas relacións institucionais co país.

Na súa estadía na que é “a primeira cidade da República Arxentina” terá a oportunidade de manter unha xuntanza con mozos e mozas descendentes de galegos en Arxentina e Uruguai e que, dixo, son “os galegos do futuro”.

A eles, dixo, trasladaralles a mensaxe de que manteñan vivos os lazos da cultura, os lazos con Galicia e o espírito da colectividade; pero dunha colectividade, matizou, “amoldada aos novos tempos e á súa xuventude”, para “manter viva a semente da galeguidade e da cultura galega” xa para fillos e netos dos emigrantes da primeira xeración, concluíu.

2068 lecturas