O presidente da Xunta presenta o Plan de Emigración 2014-2016 co obxectivo de garantir a atención ás e aos residentes no exterior, fomentar a unión de entidades ou incorporar con maior intensidade ás mulleres e á mocidade

Afirma que se trata dun plan “que prevé a emigración non só como unha cousa do pasado, senón como unha cousa para poñer en valor no futuro”: con novas incorporacións desde as novas xeracións, con novas fórmulas de asociacionismo e con novas achegas.

Subliña que esta iniciativa foi presentada na última sesión da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, “obtendo o seu visto e prace”; e que nace “para a emigración, para que saiban que seguen a ser unha parte fundamental de Galicia”.

  • O presidente da Xunta, na rolda de prensa do Consello. Foto: Conchi Paz
    O presidente da Xunta, na rolda de prensa do Consello. Foto: Conchi Paz
  • O presidente da Xunta, na rolda de prensa do Consello. Foto: Conchi Paz
    O presidente da Xunta, na rolda de prensa do Consello. Foto: Conchi Paz
Vídeo coas declaracións do presidente da Xunta
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 8 de maio de 2014.

O presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, presentou hoxe, na rolda de prensa do Consello, o Plan integral de emigración 2014-2016 co obxectivo de garantir a atención das e dos residentes no exterior, fomentar a unión ou fusión de entidades, incorporar con maior intensidade á vida dos centros galegos ás mulleres e á mocidade e seguir facendo partícipes ás comunidades galegas no exterior na estratexia de internacionalización e apertura da economía galega.

Durante a súa intervención, Feijóo afirmou que o plan foi presentado na última sesión da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, “obtendo o seu visto e prace”; e que nace “para a emigración, para que saiban que seguen a ser unha parte fundamental de Galicia”.

Dentro dos principais obxectivos desta nova iniciativa, Feijóo destacou en primeiro lugar un obxectivo asistencial, é dicir, seguir garantindo a necesaria atención, asistencia e protección das galegas e os galegos en situación de maior precariedade en función dos países de residencia. Nesta liña, expresou o obxectivo de “seguir priorizando as partidas de contido social para eses galegos”.

No eido económico, fixo fincapé en que o plan avoga ademais por seguir facendo partícipes ás comunidades galegas no exterior na estratexia de internacionalización, especialmente naqueles países onde a cidadanía galega tivo maiores posibilidades de desenvolvemento. E, como terceiro obxectivo referiuse ao fomento dos procesos de unión ou fusión das comunidades e entidades galegas; “fusionar as entidades de carácter local e comarcal para facer grandes entidades nos principais países da colectividade galega”.

Sobre este último aspecto, lembrou o éxito da fusión de todos os centros de Cataluña en dúas agrupacións e o éxito da fusión de todos os centros cubanos nun único centro; ademais da fusión de dous centros en Nuremberg e doutros dous en Uruguai.

Así mesmo, subliñou que o plan ten tamén como finalidade dar un importante pulo á participación igualitaria das mulleres na Galeguidade. A ese respecto, afirmou que a Xunta se compromete a potenciar esa tendencia dentro das súas posibilidades, respectando a independencia das xuntas directivas.

Coa finalidade de garantir o relevo xeracional nas entidades galegas na diáspora, Feijóo matizou que o plan avoga tamén por fortalecer o proceso de plena integración da xuventude na vida diaria das comunidades galegas do exterior.

O titular da Xunta referiuse tamén á necesidade de preservar o patrimonio material e inmaterial das entidades, ante a importancia histórica e cultural do patrimonio que atesouran algúns centros como a sede da Habana, Caracas ou Bos Aires. E resaltou o obxectivo do retorno como un obxectivo compartido para establecer as mellores condicións posibles para que a transferencia dos coñecementos e experiencias da diáspora sexa aproveitada en Galicia.

O presidente da Xunta concluíu a súa intervención afirmando que se trata dun plan “que prevé a emigración non só como unha cousa do pasado, senón como unha cousa para poñer en valor no futuro”: con novas incorporacións desde as novas xeracións, con novas fórmulas de asociacionismo e con novas achegas, facilitando a introdución da economía galega nos seus países de destino.

1271 lecturas