O escritor galego Domingo Villar, finalista do premio Dagger
Trátase dun dos máis prestixiosos galardóns internacionais de novela negra.
A praia dos afogados, do escritor vigués Domingo Villar, encóntrase entre as sete finalistas do CWA International Dagger Prize 2011, galardón que concede a asociación anglosaxona de escritores de novela negra á mellor obra internacional do ano. Os outros finalistas son os franceses Fred Vargas e Jean-Francois Parot, os italianos Andrea Camilleri e Valerio Varesi, o sueco Roslund-Hellstrom e o arxentino Ernesto Mallo.
Na súa obra, Villar relata a investigación da morte dun mariñeiro nunha pequena vila da costa galega. É o segundo libro dunha serie protagonizada polo inspector Leo Caldas, ao que precedeu Ollos de auga. A novela finalista xa foi traducida ao inglés, alemán, francés, italiano, ruso, polaco, holandés e sueco.
O gañador coñecerase a finais do mes de xullo durante o Harrogate International Festival.
Foto: Editorial Galaxia
Novas relacionadas



