Unha nova entrega do especial “Historias de ida e volta” documenta graficamente o exilio galego

A décima entrega do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, amosa a realidade do exilio galego. Vinte documentos e imaxes amosan como foi a emigración dos anos 50 e 60.

Unha nova entrega do especial “Historias de ida e volta” documenta graficamente o exilio galego
Unha nova entrega do especial “Historias de ida e volta” documenta graficamente o exilio galego
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2021.

O especial sitúa o contexto histórico na dura represión sufrida trala Guerra Civil. Galicia queda baixo o control dos sublevados desde os primeiros días de inicio da contenda e o exilio foi a única saída para miles de galegos e galegas que padeceron persecución e cárcere. O texto explica que “en América se atoparon cun amplo conxunto de redes sociais orixinadas e consolidadas pola emigración anterior a 1936. Aínda que as políticas inmigratorias dos países non eran favorables á chegada dos exiliados (agás o caso de México), estas redes puideron canalizar recursos económicos e facilitar os procesos de desprazamento e a súa inserción socio-económica e cultural. A partir de 1946 vai ser posible novas saídas de exiliados ou das súas familias, que ademais marchan forzados pola situación política e social, pero tamén para reunirse cos seus”.

Unha das características dos exiliados foi a súa cunha cualificación intelectual e técnica superior, que se puxeron ao servizo dos países de acollida, traballando nas súas universidades e no desenvolvemento de sectores clave da economía como o industrial, enerxético, manufactureiro ou mecánico. Isto sen contar cos centenares de artistas, escritores ou pintores que ingresaron no mundo académico e cultural, sobre todo en México, Arxentina, Uruguai e Estados Unidos.

A influencia de intelectuais galegos asentados na Arxentina, como Luís Seoane, Eduardo Blanco-Amor, Lorenzo Varela, Rafael Dieste entre outros, converteu Bos Aires no principal referente da nosa cultura nos 40 e 50; o mesmo pasou en Uruguai con Lois Tobío e Manuel Meilán, en México con Florencio Delgado Gurriarán, Carlos Velo ou Luís Soto ou en Estados Unidos con Emilio González López, José Rubia Barcia ou Xosé Otero Espasandín, citando algúns dos casos máis coñecidos. Pero tampouco debemos esquecer a presencia dos exiliados e exiliadas anónimas que se dedicaron a refacer a súa vida e a garantir a súa supervivencia material.

Canda os materiais que documentan estes procesos, o especial contén vínculos a outros recursos, entre eles o congreso organizado polo CCG en 2001 para difundir o legado destes homes e mulleres e publicou un dicionario biobibliográfico que recolle as biografías dos exiliados e exiliadas máis recoñecidas pero tamén dos anónimos e as actas das xornadas.

Todas as imaxes e documentos que aquí se expoñen forman parte do patrimonio fotográfico e documental que se conserva e salvagarda no Arquivo da Emigración Galega. Moitas delas proceden de coleccións particulares que a cidadanía doou á institución, un proxecto que está permanentemente aberto.

Historias de ida e volta

O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial “Historias de ida e volta”, que cada terceiro venres de mes difunde materiais que documentan o fenómeno migratorio. A primeira entrega deste especial explicaba o proceso de partida cunha serie de permisos e documentos que precisaron os e as emigrantes para poder saír do país. Despois centrouse no Centro Galego da Habana, símbolo do poderío e da grandeza que acadou a colectividade galega na illa ao longo dos séculos XIX e XX. A terceira entrega amosa imaxes e outros documentos dos diferentes procesos que tiveron que pasar os emigrantes no momento da chegada a América no século XX. A seguinte centrouse no papel desenvolvido polos homes, mentres que a quinta amosou as distintas formas de lecer das diferentes comunidades. Na sexta puxéronse de manifesto os oficios e roles que desenvolveron as mulleres na emigración e na sétima as actividades culturais.

Arquivo da Emigración Galega

O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez.

551 lecturas