O bono de ata 5000 euros para os autónomos e autónomas que precisen unha segunda oportunidade pode solicitarse ata o 1 de outubro

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a nova convocatoria de axudas coa que se pretende favorecer o retorno ao emprendemento.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste un millón de euros coa previsión de beneficiar a 200 traballadoras e traballadores por conta propia que queiran reemprender un negocio sempre que adquiran un compromiso de formación.

Esta liña de apoios inclúe un bono formación de ata 2000 euros por persoa e un de apoio de 3000 euros a investimentos que permita afrontar as novas necesidades.

O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e rematará o 1 de outubro
O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e rematará o 1 de outubro
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2018.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar a convocatoria de axudas do programa dirixido a apoiar unha segunda oportunidade para os autónomos e autónomas. Do que se trata é de favorecer o retorno ao emprendemento.

Para iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria inviste 1 millón de euros coa previsión de beneficiar a 200 traballadoras e traballadores por conta propia que queiran reemprender un negocio sempre que adquiran un compromiso de formación. As axudas, polo tanto, van dirixidas a aquelas persoas que cesaron a súa actividade económica por causas económicas e agora desexan unha volta ao emprendemento.

As beneficiarias destas axudas son as persoas que se dean de alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA), en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional no período do 1 de xaneiro ao 30 de setembro de 2018 ou cesasen con anterioridade na súa actividade causando baixa na Seguridade Social ou na mutualidade correspondente e no imposto de actividades económicas (IAE) por causas económicas.

O prazo de presentación de solicitudes xa está aberto e rematará o 1 de outubro. A presentación da inscrición supón un compromiso de emprendemento e de formación de polo menos 60 horas.

Esta liña de axudas, polo tanto, céntrase na formación para que as e os beneficiarios poidan afrontar a nova actividade con todas as garantías. Inclúe, deste xeito, un bono específico para a cualificación de ata 2000 euros e un de apoio de 3000 euros para investimentos que permitan afrontar as novas necesidades. Estas axudas son compatibles con outros programas que a Xunta ten a disposición deste sector a través da Estratexia Autónomo 2020.

En concreto, co bono formación a persoa beneficiaria recibirá unha axuda de ata 2000 euros para realizar un mínimo de 60 horas de formación nas seguintes materias: formación xerencial, xestión comercial ou financeira, marketing dixital ou sobre eidos que teñan relación directa co negocio que se vai emprender e así se xustifique. Esta cualificación poderá ser impartida por entidades públicas ou privadas e deberá estar finalizada dentro do período subvencionable.

Con respecto ao bono apoio, concederase unha axuda de 3000 euros ás persoas que estiveran máis de 6 meses seguidos inscritas como demandantes de emprego nas oficinas do Servizo Público de Emprego antes da data de solicitude; ou da data de alta no Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA); calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social; ou en mutualidade de colexio profesional para persoas que se deron de alta no 2018 antes da entrada en vigor desta convocatoria de axudas.

A Rede de Mentoring do Igape poderá, ademais, colaborar coas persoas beneficiarias desta axuda.

A iniciativa da Consellería de Economía, Emprego e Industria enmárcase na Estratexia Autónomo 2020, un conxunto de 20 medidas que para este ano volve a contar nos orzamentos con 40M€ para seguir favorecendo o labor deste colectivo e complementar así as medidas do Estado.

Xunto á ampliación da tarifa plana, o bono autónomo e doutras medidas xa impulsadas o ano pasado –como a Oficina do Autónomo, www.oficinadoautonomo.gal, para facilitar o seu asesoramento, ou a axuda que permite ampliar en 16 semanas a bonificación do Estado para a contratación do traballador ou traballadoras que se atope cubrindo a baixa por maternidade ou paternidade–, en 2018 súmanse dúas novas liñas de actuación: estes apoios para facilitar unha segunda oportunidade e as axudas e servizos para fomentar o relevo xeracional cuxo prazo de solicitude remata o próximo 30 de setembro.

797 lecturas