O alumnado do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires visita a Cidade da Cultura
Os secretarios xerais de Cultura, Anxo M. Lorenzo Suárez, de Política Lingüística, Valentín García Gómez, e da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañados pola directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, recibiron hoxe os 18 alumnos e alumnas e os dous profesores do Instituto Santiago Apóstol de Bos Aires que se encontran de viaxe de estudos en Galicia. Grazas ao apoio da Consellería de Cultura e Educación e da Secretaría Xeral da Emigración, este grupo de alumnas e alumnos pasa unha estancia de quince días en Galicia, onde desenvolven un amplo programa de visitas culturais para coñecer as principais cidades e lugares emblemáticos como a Catedral de Santiago ou as Illas Cíes, entre outros.
Este instituto arxentino-galego abriu as súas portas no ano 1998 froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e o Centro Galicia de Bos Aires co obxectivo de desenvolver un programa educativo bicultural neste país. Desde o ano 2003, o centro de ensino conta cun Departamento de Lingua e Literatura Galega, que contribúe aínda máis a reafirmar os valores e trazos da identidade e da cultura do noso país na escola, favorecendo a súa difusión entre o seu estudantado. O alumnado cursa nel as materias, co galego como lingua vehicular, de lingua e literatura, xeografía e historia de Galicia.
Novas relacionadas