Unha nova orde da Xunta subvenciona o autoemprego e a creación de empresas por parte de persoas emigrantes retornadas

A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración complementa, sen excluílas, as axudas da Consellería de Traballo e Benestar para autónomos e autónomas e persoas emprendedoras.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de agosto de 2013.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asina a resolución que hoxe publica o Diario Oficial de Galicia, que regula as subvencións, en réxime de concorrencia non competitiva, para promover o autoemprego e a actividade emprendedora das persoas emigrantes retornadas e das e dos seus familiares directos.

Estas subvencións, cun tope máximo de seis mil euros por solicitude, son compatibles e complementarias ás axudas establecidas para a poboación galega xeral por parte da Consellería de Traballo e Benestar. Estoutro departamento autonómico presentou a pasada semana unha liña de financiamento de 15,6 millóns de euros para apoiar o establecemento como traballador ou traballadora autónoma ou por conta propia; ademais, fixo públicas as bases reguladoras do programa das iniciativas emprendedoras e de emprego, que conta cun orzamento de 4,5 millóns de euros, e ten por obxecto xerar emprego estable para persoas desempregadas, principalmente entre a xuventude e mulleres; e estas iniciativas, asemade, complétanse con outros preto de 4 millóns de euros para incentivar, por primeira vez, a contratación indefinida de ata tres traballadores ou traballadoras, unhas axudas xa publicadas no DOG o pasado mes de xuño.

Con estas liñas de subvencións á persoa emprendedora, o Goberno galego materializa o seu compromiso de apoiar a creación de novas empresas radicadas en Galicia e loitar contra o desemprego. No caso concreto da orde de Emigración, preténdese que o retornado ou retornada aproveite a bagaxe, coñecementos e experiencias profesionais e persoais acadados no Exterior en beneficio de toda a comunidade, cree novos postos de traballo ao tempo que consolida a súa volta á terra, e mesmo contemple Galicia como destino para o investimento do seu patrimonio.

Esta orde persegue que a persoa retornada poida beneficiarse desta liña específica de axudas para o seu proxecto de autoemprego ou empresarial, pero sobre todo que lle sirva de reclamo para coñecer as establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar para a poboación xeral.

Desta maneira, incentívase que os proxectos que teñan en mente as persoas de volta na Comunidade tomen forma canto antes, e axuden á recuperación do tecido económico na Galicia territorial, a través de iniciativas nadas dentro e tamén fóra do territorio, especialmente aquelas xeradas a raíz de experiencias profesionais no Exterior. Asemade, conséguese engadir viabilidade aos proxectos do galego ou galega residente arestora fóra da súa terra.

Obxectos da subvención
A iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración subvenciona os gastos iniciais que leva consigo o establecemento das persoas emigrantes retornadas e os seus familiares directos ben como traballadoras ou traballadores autónomos ou por conta propia, ou ben como socias e socios traballadores de sociedades laborais ou cooperativas de traballo asociado. Así, son obxecto de subvención para as e os destinatarios ata o 80 por cento dos gastos de notaría e rexistro, taxas, licencias administrativas, material de oficina non inventariable, e honorarios profesionais externos, cun tope de axuda de 3.000 euros para autónomos e autónomas e 5.000 para sociedades laborais ou cooperativas, con 1.000 euros a maiores se a persoa solicitante ten 39 anos ou menos.

Os requisitos que contempla a orde é cumprir a condición de emigrante retornado ou retornada (nacionalidade española e que non transcorrera máis de dous anos desde a volta a España), que teña fixada a súa residencia en Galicia, e que estea dada de alta nalgúns dos réximes da Seguridade Social ou mutualidade do Colexio Profesional que lle corresponda. O prazo para a presentación de solicitudes remata o vindeiro 15 de novembro.

1445 lecturas