Miranda visita a oficina de Ourense de atención á e ao retornado da Federación de Venezolanos en Galicia

A asociación ten en funcionamento dúas unidades máis, unha en Vigo e outra móbil, que atenden unha media de 250 consultas ao mes.

A Secretaría Xeral da Emigración mantén un convenio coa agrupación dotado con 20.000 euros, que permite o funcionamento deste servizo gratuíto.

A Secretaría Xeral da Emigración mantén un convenio coa agrupación dotado con 20.000 euros, que permite o funcionamento deste servizo gratuíto
A Secretaría Xeral da Emigración mantén un convenio coa agrupación dotado con 20.000 euros, que permite o funcionamento deste servizo gratuíto
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou esta mañá a oficina que a Federación de Venezolanos en Galicia (Fevega) ten en Ourense para asesorar ás e aos retornados a Galicia en xeral, e aos procedentes do país caribeño en especialmente, na súa volta. O equipo que traballa nas instalacións, situadas nun local das galerías Proyflem da capital ourensá, atendeu desde a súa apertura unha media dun centenar de consultas ao mes, das que a maioría son persoas retornadas con diferentes necesidades: axudas de benestar social, capacitación, busca de emprego ou asesoría xurídica, entre outras. O segundo grupo máis numeroso de demanda é o formado por persoas xubiladas, tanto galegas retornadas como venezolanas de nacemento, que non están a percibir a pensión de Venezuela.

O cargo autonómico estivo acompañado durante o acto pola delegada territorial da Xunta en Ourense, María Sol Díaz Mouteira, e o alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad. A da capital ourensá é unha das tres oficinas que a entidade ten en funcionamento na comunidade, que atenden un total dunhas 250 consultas mensuais. A segunda, que está situada en Vigo, dá resposta cada mes a arredor de 115 persoas. E a terceira, itinerante, percorreu ata o de agora tres concellos, nos que atendeu un total de 53 consultas. A Coruña, Lalín e Santiago son os municipios polos que xa pasou esta unidade móbil de atención á e ao retornado para ofrecer os seus servizos, que mañá recalará en Vilagarcía de Arousa e A Estrada.  

Cinco especialistas
Rodríguez Miranda aproveitou a súa primeira visita oficial a estas dependencias para coñecer de primeira man o labor que están a levar a cabo nela un traballador e catro voluntarios en horario de 9.30 a 14.30 horas de luns a venres. Dous administrativos, un avogado e dous médicos (de medicina xeral e da especialidade de Otorrinolaringoxía) ofrecen o seus servizos de xeito completamente gratuíto a todas as persoas que se achegan ao local da capital ourensá en busca de axuda ou asesoramento.

Convenio bilateral
O convenio asinado entre a Secretaría Xeral da Emigración e Fevega é fundamental para o funcionamento destas oficinas, ás que destina 20.000 euros. O acordo forma parte da batería de medidas deseñadas polo departamento autonómico para dar resposta é crecente demanda de retorno que está a experimentar a comunidade galega nos últimos anos, que é especialmente significativa no caso de Venezuela.

En 2016 retornaron a Galicia 5.125 persoas, 3.025 máis das que saíron, das que o 80% é menor de 65 anos e preto do 64% está en idade de traballar. De aí que o departamento dirixido por Antonio Rodríguez Miranda afronte esta lexislatura como a do retorno cun incremento de ata 175% nos orzamentos previstos para 2018 para executar as diferentes liñas de axuda orientadas a facilitar a volta das e dos emigrantes, as e os seus fillos e netos e netas á súa terra de orixe. 

Importante demanda de Venezuela
Trátase dunha tendencia clara que se reflicte nas cifras dos programas de apoio á e ao retornado, e que adquiren unha importancia aínda maior en casos como o de Venezuela. Deste país saíu o 78% das 468 solicitudes para percibir unha axuda extraordinaria para persoas emigrantes retornadas, ás que este ano adicáronse 200.000 euros nunha primeira previsión e que ampliou a Xunta noutros 200.000 a mediados do exercicio para dar resposta ao maior número posible de beneficiarias e beneficiarios.

As galegas e os galegos venezolanos tamén centraron unha parte importante das peticións de axuda ao retorno emprendedor, outra das liñas estratéxicas da Secretaría Xeral da Emigración, con máis da metade das solicitudes que se recibiron en 2017. Destaca, asemade, o notable incremento do interese xerado por estas subvencións a fondo perdido, que neste último ano alcanzou as 43, un número elevado tendo en conta que dende a posta en marcha deste programa en 2013 ata 2016 tíñanse tramitado un total de 75 solicitudes, das que máis de cincuenta se converteron en proxectos reais.

756 lecturas